Síguenos


Cruz Vermella promove o acollemento familiar como alternativa para apoiar á infancia máis vulnerable

Cruz Vermella conta cunha ampla traxectoria de atención á infancia e ás familias que sofren as situacións de maior vulnerabilidade. O labor de Cruz Vermella sempre se orienta a apoiar ás familias, especialmente a aquelas que presentan maior fraxilidade, nas súas funcións de coidado, crianza e socialización. Neste sentido, a protección á infancia é outro dos grandes compromisos da Organización.

 

Temos distintos proxectos e actividades estreitamente vinculados coas familias. E desde fai máis dun ano desenvolvemos accións específicas destinadas a paliar os efectos da crise provocada pola pandemia da COVID-19 a través do Plan Cruz Vermella Responde.

 

Con motivo do Día Internacional da Familia, que se celebra o 15 de maio, tamén queremos poñer en valor o acollemento familiar como alternativa para apoiar á infancia e a aqueles pais e nais que atravesan situacións de dificultade e non poden facerse cargo dos seus fillos e fillas.

 

Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras en colaboración coa consellería de Política social da Xunta de Galicia, concretamente na modalidade de familia allea. A finalidade é que mentres se solucionan ou se melloran as condicións na familia de orixe, os nenos e nenas poidan permanecer de maneira temporal con familias acolledoras. Os acolledores e acolledoras encárganse de proporcionarlles o agarimo, os coidados e a seguridade que precisan.

 

Actualmente en Galicia hai 211 nenos e nenas que están a ser acollidos mentres que outros 78 están en espera de acollemento e entre eles hai 20 grupos de irmáns e nenos con necesidades especiais.

 

A rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia está formada por 346 familias. Grazas ao seu compromiso e implicación é posible desenvolver este programa. É importante que está rede siga crecendo para poder dar a resposta idónea aos diferentes casos que se presentan.

 

O perfil das persoas acolledoras é moi variado e calquera pode presentar o seu ofrecemento, con independencia do seu estado civil, número de fillos ou relixión. Buscamos persoas capaces de acoller no seu fogar a un ou máis nenos e de compartir con eles a vida familiar.

 

Para solicitar máis información pódese chamar ao 900 812 880 ou entrar en www.acollementofamiliar.gal

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email