As ondas de frío son especialmente sufridas polas persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade. Co obxectivo de paliar os efectos adversos da baixada das temperaturas sobre a poboación, Cruz Vermella puxo en marcha a campaña ‘Eu protéxome’, mediante a cal, a través de chamadas telefónicas, o voluntariado da Organización humanitaria informa sobre a importancia de manter certos hábitos saudables e de evitar condutas de risco asociadas aos temporais.
Ademais de facilitar consellos, as propias chamadas resultan de utilidade para coñecer a situación de pobreza enerxética das persoas, unha información que permite a Cruz Vermella poñer en marcha mecanismos de resposta, tanto a través dos procesos de axuda habitual como do plan Cruz Vermella Reacciona, dotado de 8 millóns de euros iniciais para toda España.
Á capacidade de resposta ante situacións imprevistas que define a Cruz Vermella, súmase a colaboración doutras entidades e administracións públicas, como é o caso de grandes municipios e da propia Xunta de Galicia, que contribúe a garantir recursos asistenciais que permitan mellorar a atención a colectivos en situación de vulnerabilidade máis aló dos primeiros contactos e intervencións. Así, durante os 365 días do ano, as unidades de emerxencia social de Cruz Vermella ocúpanse, por exemplo, de repartir entre as persoas sen fogar comida quente, roupa de abrigo e asesoramento acerca dos recursos dispoñibles tanto proporcionados pola propia Organización como por terceiros (aloxamento, manutención, transporte, entrega de produtos alimentarios e de hixiene e mesmo vestimenta).
Recursos fixos: a reinserción das persoas sen fogar
Ademais da atención proporcionada polas unidades de emerxencia social (na Coruña e Santiago Cruz Vermella xestiona o Servizo Municipal de Atención a Urxencias Sociais -SEMUS-), as diferentes áreas da Asemblea provincial de Cruz Vermella na Coruña desenvolven un traballo máis profundo de atención social, seguimento e acompañamento para iniciar procesos de cambio de roles ou empoderamento, entre outros. En xeral, realízanse actividades de información, orientación, mediación, asistencia ou capacitación; de forma paralela, entréganse axudas económicas ou de bens básicos abarcando as áreas social, económica, sanitaria, de vivenda, desenvolvemento persoal e mesmo o ámbito xurídico, a relación formativa ou o emprego.
‘Eu protéxome’, unha campaña para toda a sociedade
Ano tras ano, as baixas temperaturas poñen en risco a saúde de moitas persoas. É por iso que desde Cruz Vermella lanzouse a campaña ‘Eu protéxome’, que ata finais do mes de marzo inclúe a realización de chamadas telefónicas a persoas en situación de vulnerabilidade para proporcionar información que contribúa a previr os efectos negativos das baixas temperaturas. Esta información, proporcionada tamén a través de canles de comunicación en liña da Organización, inclúe consellos básicos relacionados coa alimentación saudable, unha correcta vestimenta ou a actividade dentro e fóra do fogar.