Síguenos


Cruz Vermella mellorou a empregabilidade de máis de 2.160 mozos e mozas en Galicia

Mellorar a empregabilidade dos mozos que están máis afastados do mercado laboral é un dos obxectivos do Plan de Emprego de Cruz Vermella. A crise sanitaria e socioeconómica provocada pola pandemia da COVID-19 agravou a situación e aumentou o risco de pobreza das persoas máis vulnerables e isto fai que o incremento do desemprego e os obstáculos á hora de acceder a un posto de traballo estean a afectar especialmente aos mozos e mozas.

 

Así, durante 2020, Cruz Vermella mellorou a empregabilidade de máis de 38.000 menores de 30 anos en toda España a través de distintos programas e intervencións e no caso de Galicia foron 2.160.

 

En Cruz Vermella contamos con diferentes proxectos para apoiarlles, a nivel nacional desenvólvense oito iniciativas específicas de formación e emprego para os mozos que están máis afastados do mercado de traballo. En concreto, nestas iniciativas específicas participaron 12.794 mozos en 2020.

 

En Galicia temos os seguintes proxectos dirixidos a poboación nova: Activación, Orientación e Acompañamento Sociolaboral a Mozos de Garantía Xuvenil e Formación para o Emprego con Mozos de Garantía Xuvenil, ambos forman parte do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ), e Primeiras Oportunidades Laborais con Mozos, que forma parte do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES). Estes dous programas están cofinanciados polo Fondo Social Europeo e o Goberno de España. A través dos tres proxectos citados, apoiamos na nosa comunidade autónoma a 781 mozos, 290 homes e 491 mulleres. É importante destacar que o 41% conseguiu un posto de traballo, son 319 insercións en total.

 

Trátase de mozos que se atopan máis afastados do mercado laboral, cuxa taxa de desemprego chega ata un 53% debido ao seu baixo nivel de estudos e a que traballan en sectores que están a sufrir máis o impacto da crise como son a hostalería, o turismo, o comercio e os servizos asociados. Ademais, hai que ter en conta que as taxas de paro xuvenil están a aumentar e que a súa situación no mercado laboral caracterízase por ter altos niveis de precariedade e temporalidade.

 

En Cruz Vermella mellórase a súa empregabilidade a través de accións de orientación, onde descobren as súas capacidades e intereses así como ocupacións que se axusten ao seu perfil; accións que lles motivan e acompañan para que retomen e finalicen estudos ou accións que melloran a súa cualificación profesional a través dunha formación á carta deseñada coas empresas desde un enfoque de aprendizaxe práctica e a adquisición de experiencia en contornas reais de traballo. E sempre se favorece a mellora das súas competencias dixitais, algo clave para adaptarse aos cambios que a transformación dixital está a xerar na sociedade e no mercado de traballo.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email