Síguenos


Cruz Vermella lanza o concurso de debuxo infantil ‘Que é para ti unha familia acolledora?’

O acollemento familiar centra o novo certame de debuxo infantil promovido por Cruz Vermella no marco do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia.

 

Dirixido a nenos e nenas de entre tres e doce anos, o concurso persegue o obxectivo de facer partícipes aos máis pequenos da importancia das familias acolledoras para facer realidade o dereito de bebés, nenos e adolescentes a medrar nunha familia que lles proporcione coidados, agarimo, educación e seguridade.

 

As bases legais do concurso, que terá lugar a través da rede social Facebook entre o 1 e o 25 de decembro, poden consultarse aquí. En liñas xerais, a idea é que os participantes, que concursarán en dúas categorías (a Infantil, de 3 a 6 anos, e a Primaria, de 7 a 12 anos), imaxinen o que é para eles unha familia de acollida e a debuxen. A continuación, os seus pais, nais ou titores legais poderán enviar o debuxo á plataforma habilitada para o concurso, a través desta ligazón.

 

Esta acción forma parte da campaña ‘Querer é Poder’ coa que Cruz Vermella promove o acollemento familiar en Galicia e busca dar a coñecer a realidade de nenos, nenas e adolescentes que non poden estar cos seus pais e nais por non atoparse nas condicións idóneas para o seu coidado. As familias acolledoras ofrécenlles o seu fogar temporalmente e danlles o agarimo, a protección e os coidados que necesitan mentres a súa familia de orixe non pode facelo.

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email