Síguenos


Cruz Vermella incrementa a intervención prevista para facer fronte á pandemia e atende en Galicia a máis de 111.900 persoas

Cruz Vermella lanzou en marzo do ano pasado o Plan Cruz Vermella Responde fronte á COVID-19 para atender ás persoas máis vulnerables fronte á pandemia. Trátase dunha intervención integral a través de accións nas áreas de socorros, inclusión social, saúde, educación, emprego e medio ambiente. Entregas de produtos de primeira necesidade, orientacións en materia de emprego, actividades de apoio escolar ou chamadas para ofrecer pautas básicas de prevención foron algunhas das principais actuacións do Plan Cruz Vermella Responde.

 

Tras 12 meses desde a súa posta en marcha, Cruz Vermella fai balance do que supuxo este primeiro ano de pandemia e das actuacións levadas a cabo no marco deste Plan especial, tanto a nivel nacional como en Galicia. E ao mesmo tempo, a Organización afronta os novos retos que se expón neste segundo ano de pandemia. O incremento das taxas de pobreza, exclusión social e desemprego leva a Cruz Vermella a focalizar a súa resposta durante 2021 na mellora do acceso ao mercado laboral e na loita contra a fenda dixital que afecta á poboación máis vulnerable.

 

O obxectivo previsto inicialmente era o de apoiar a 1.300.000 persoas afectadas pola crise sanitaria, social e económica xerada pola COVID-19. Dada a evolución da situación e o grave impacto desta crise, a Organización tivo que desdobrarse para chegar ao maior número posible de persoas e, ademais de manter o seu compromiso habitual cos colectivos cos que traballa, atendeu xa a máis de 3.500.000 de persoas en España. No caso de Galicia, Cruz Vermella apoiou a máis de 111.927 persoas a través de 742.075 intervencións. Respecto ao perfil das persoas atendidas, o 63% son mulleres, o 35% ten idades entre 25 e 59 anos e as persoas maiores de 60 anos representan o 33% da poboación.

 

Primeiros pasos

 

A principios de 2020, Cruz Vermella poñía os cimentos do que sería a maior operación de toda a súa historia en canto a mobilización de recursos, capacidades e persoas.

 

Ante o incipiente impacto da COVID-19, a Organización intensificaba a súa actividade coas persoas máis vulnerables a través de iniciativas como unha campaña especial de seguimento e acompañamento telefónico a 400.000 persoas dos seus programas. Así mesmo, Cruz Vermella poñía ao dispor das autoridades sanitarias todos os seus recursos humanos e loxísticos. Activaba campañas de comunicación e de sensibilización en todas as súas canles, ofrecendo a toda a sociedade cursos abertos e gratuítos sobre a COVID-19 e reforzaba a súa distribución de alimentos e kits de primeira necesidade.

 

De maneira simultánea, a Organización humanitaria deseñaba e preparaba un plan integral capaz de responder o impacto dun virus que comezaba a afectar a todos os ámbitos e a todas as persoas.

 

Datos destacados

 

A continuación detallamos algunhas das accións e datos destacados deste balance de 12 meses. O Centro de Operacións de Cruz Vermella en Galicia estivo operativo e funcionando 24 horas ao día. Algunhas das súas principais funcións foron proporcionar apoio loxístico e xestionar os recursos necesarios en diferentes actuacións. Tamén estivo pendente da atención ás persoas usuarias dos servizos de teleasistencia.

 

Desde o primeiro minuto, en socorros Cruz Vermella realizou un labor importante chegando a máis de 980.000 persoas. En Galicia foron 18.326 as persoas atendidas. Tivemos dispoñibles 18 ambulancias e 30 vehículos de transporte adaptado e emerxencia para diferentes tipos de traslados e mobilizacións de persoas vinculados á COVID-19.  Tamén colaboramos na montaxe de albergues de aloxamento temporal para persoas sen fogar na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Así mesmo, coordinámonos cos concellos correspondentes para colaborar na xestión de varios destes albergues e neste labor participaron tamén os equipos de atención a persoas sen fogar de Cruz Vermella, que tamén continuaron realizando saídas de rúa para apoiar ás persoas que o puidesen necesitar.

 

Fiando o anterior tamén coa área de inclusión social, durante o confinamento inicial, a entrega de produtos de alimentación, produtos básicos de primeira necesidade e medicamentos, foi clave para asegurar a protección das persoas, e desde entón, estas necesidades seguen aumentando progresivamente, chegando a máis de 950.000 persoas. En Galicia atendeuse a 56.683 persoas en situación de vulnerabilidade.

 

Na área de saúde, a Organización atendeu a máis de 1.300.000 persoas con información, medidas preventivas, entrega de medicamentos e máscaras. Un total de 55.126 persoas foron atendidas na nosa comunidade autónoma. Ademais, ante a necesidade de apoio psicosocial, creouse ‘Cruz Roja Te Escucha’, un servizo con 13 protocolos de atención que axudou xa a máis de 5.000 persoas que sufriron na súa propia pel as consecuencias da pandemia, porque perderon a seres queridos sen poder despedirse, forman parte do persoal sanitario na primeira liña ou perderon o seu emprego.

 

En canto á economía e o emprego, o Plan Cruz Vermella Responde xerou máis de 11.000 ofertas de emprego e máis de 4.400 prácticas para alumnado, ademais de orientación laboral, formación, intermediación laboral e ofertas en mercados inclusivos. En Galicia, apoiamos a máis de 7.318 persoas que perderon o seu emprego ou están preocupadas #ante un futuro incerto no mercado laboral.

 

En educación, a Organización desenvolveu rapidamente pílulas en liña formativas e informativas sobre a COVID-19 que tiveron un gran impacto, sendo vistas e realizadas por máis de 500.000 persoas.  E respecto a os nenos e nenas dos programas de promoción de éxito escolar, a necesidade e dificultade de continuar en liña a súa educación por non dispoñer de conexións nin dispositivos, levou a Cruz Vermella a entregar máis de 70.000 dispositivos. En Galicia apoiamos a máis 6.026 persoas mediante accións da área de educación por exemplo as 7.649 actividades de apoio escolar a nenos e nenas de familias vulnerables que se levaron a cabo vía en liña.

 

Desde a área de medio ambiente atendeuse a máis de 60.000 familias, principalmente en situacións de pobreza enerxética, facilitándolles apoio na tramitación do bono social, así como con distribución de kits de aforro enerxético e melloras nos fogares. En Galicia tamén se realizaron actuacións para paliar a pobreza enerxética con 591 persoas.

 

Voluntariado

 

Cruz Vermella é unha Organización da sociedade para a sociedade, e iso grazas ás máis de 66.500 persoas que participaron en actividades do Plan Responde demostrando o seu compromiso humanitario. Máis de 2.213 voluntarios e voluntarias mobilizáronse en Galicia para atender ás persoas que máis o necesitaban. En relación aos perfís das máis de 66.500 persoas voluntarias, o 58% son mulleres e destaca o grupo de idade de 25 a 29 anos.

 

Alianzas

 

Cruz Vermella logrou axuntar vontades fronte a un reto histórico. Grazas á solidariedade da cidadanía, empresas, medios de comunicación e outros organismos e administracións públicas, investiu máis de 108 millóns de euros para o Plan Responde. Respecto á orixe dos fondos, o 22% corresponde a donativos particulares, o 28% a doazóns de empresas e o 50% ás administracións públicas.