Síguenos


Cruz Vermella impulsa unha mesa de debate sobre diversidade e talento no Congreso Internacional de Recursos Humanos que se celebra en Santiago

Co obxectivo de xerar un espazo de encontro coas empresas e poñer o foco na xestión da diversidade e fomentar a igualdade de oportunidades no mercado laboral, Cruz Vermella en Galicia impulsou unha mesa de debate no marco do Congreso Internacional de Recursos Humanos “As persoas son o camiño”, que organiza a Asociación para o Progreso da Dirección ( APD) e que se celebra hoxe 6 e mañá 7 de outubro en Santiago de Compostela, coa asistencia de máis de 1.500 directivos.

 

A sala promovida por Cruz Vermella denomínase “Diversidade e Inclusión” e o programa inclúe un relatorio de Juan Carlos  Cubeiro, experto internacional en liderado e transformación, e un debate moderado por Rocío  Ovalle, coordinadora de Cruz Vermella en Santiago, no que participarán Sonia Río, directora xeral de Fundación Diversidade, Ana  Benita  Aramendia, directora corporativa de Recursos Humanos de FCC, e Juan José Medina Moreno, director de Recursos Humanos de  Smurfit  Kappa España, Portugal e Marrocos. A cita é este xoves 7 de outubro de 13 a 14 horas. Trátase dunha sala híbrida, de maneira que haberá asistentes de maneira presencial e  tambía outros que se conecten vía  streaming.

 

Algunhas das cuestións que se abordarán neste foro son: como conseguir unha cultura  organizacional inclusiva que ofreza mellores resultados para todos; en que punto está o tecido empresarial en España en canto á xestión das diversidade nos seus persoais ou de que maneira poden colaborar as empresas e as organizacións do Terceiro Sector en materia de igualdade e diversidade.

 

Esta iniciativa forma parte do proxecto Reto Social Empresarial, do Plan de Emprego de Cruz Vermella, e leva a cabo co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social ( POISES).

 

Compromiso coas persoas vulnerables

 

En Cruz Vermella promovemos unha visión e xestión positiva da diversidade como factor de desenvolvemento empresarial e social. Temos un compromiso coas persoas máis vulnerables e traballamos pola igualdade de oportunidades e de trato no mercado laboral.

 

A través do noso Plan de Emprego desenvolvemos diferentes proxectos e programas encamiñados a mellorar a empregabilidade das persoas con máis dificultades e a promover a loita contra as barreiras sociais tanto no acceso como no mantemento do emprego.

 

Figuras de primeira liña empresarial

 

O 4º Congreso Internacional de Recursos Humanos celébrase baixo o lema “As persoas son o camiño. Da estratexia ao negocio: avanzando na mesma dirección” e participarán relatoras de primeira liña do sector empresarial, político e académico, que analizarán e reflexionarán sobre o novo escenario que supuxo a pandemia, e no cambio de prioridades e esixencias que provocou para todos, como cidadáns e como profesionais.

 

O congreso contará con figuras como Alejandro Pociña, presidente de Steelcase; Bartolomeu Pidal, presidente de Nortempo; Ángel Sáenz de Cenzano, country manager Spain & Portugal de Linkedin; Álvaro Vázquez, director de Recursos Humanos de Securitas Direct e Antonio  Budia, director de Operacións e Marketing de Microsoft Iberia; entre moitas outras.

 

Tamén haberá referentes do ámbito público e académico como o filósofo José Antonio Marina, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo; José Luis García Delgado, catedrático de Economía Aplicada na Universidade Nebrija; ou a psicóloga e escritora, Alejandra Vallejo- Nágera.

 

Máis información do Congreso nesta ligazón.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email