Cruz Vermella en Galicia e Vegalsa-Eroski colaboran para facilitar a formación e o acceso ao emprego de colectivos vulnerables, trátase de promover a empregabilidade a través da formación práctica en empresa. Lograr que persoas que atravesan unha situación de dificultade ou están moi afastadas do mercado laboral poidan capacitarse para mellorar as súas oportunidades laborais é o obxectivo principal.
Fai máis de seis anos que comezou esta cooperación empresarial en materia de emprego que agora se renova. Carmen Colmeiro, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, e Francisco Duarte, director de Persoas de Vegalsa-Eroski, formalizaron hoxe este acordo de colaboración para que persoas que participan nos programas do Plan de Emprego de Cruz Vermella poidan realizar prácticas formativas non laborais en establecementos da compañía. A maior parte das formacións céntranse en caixa/reposición aínda que cada vez inclúense máis de seccións de frescos. Ademais realízanse talleres de empregabilidade e outras accións.
“Este tipo de alianzas empresariais resultan fundamentais para alcanzar os nosos obxectivos e facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas que o teñen máis complicado, das persoas que están nunha situación de vulnerabilidade. Porque o emprego é a mellor oportunidade que teñen para integrarse na sociedade”, destacou Carmen Colmeiro durante o acto. Pola súa banda, Francisco Duarte afirmou que: “Desta forma búscase achegar ao alumnado ao ambiente laboral real para que poidan coñecer os diferentes perfís profesionais e o sistema de relacións laborais do centro de traballo co fin de facilitar a súa futura inserción profesional”.
A implicación das empresas é clave para transformar o mercado de traballo e para promover a igualdade de trato e oportunidades no acceso ao emprego para as persoas coas que traballa Cruz Vermella como mulleres con baixa cualificación e en desemprego, mozos con baixa ou nula formación, persoas desempregadas de longa duración, persoas con máis de 45 anos ou persoas migrantes e refuxiadas.
O Plan de Emprego de Cruz Vermella conta co apoio do Ministerio de Traballo e Economía Social e do Fondo Social Europeo. Concretamente este acordo entre Vegalsa-Eroski e Cruz Vermella está vinculado ao proxecto Reto Social Empresarial e contempla tres liñas de colaboración centradas no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES), o Programa Operativo de Emprego Novo (POEJ) e o Programa de Inserción Laboral para a Mellora da Empregabilidade dirixido a solicitantes de asilo e protección internacional.
Desde comezos de 2020 ata a actualidade leváronse a cabo 17 formacións a través de prácticas non laborais en supermercados Vegalsa-Eroski nas que participaron 67 persoas da man de Cruz Vermella. Así mesmo, 11 persoas incorporáronse ao ao equipo humano da distribuidora alimentaria.
As actuacións do Plan de Emprego de Cruz Vermella están dirixidas a apoiar aos participantes con orientación, accións formativas, prácticas profesionais, procura de traballo ou inserción laboral, entre outras.