Síguenos


incorpora_lugo

Cruz Vermella finaliza en Lugo os talleres de empoderamento e mellora da empregabilidade, enmarcados no proxecto Incorpora

Un dos obxectivos prioritarios para Cruz Vermella é traballar con mulleres en dificultade social a través de diferentes proxectos. Un deles é o programa Incorpora da Fundación “la Caixa”, que facilita ás mulleres camiños e pontes cara ao emprego. O proxecto desenvólvese cunha metodoloxía que explota a fondo os valores positivos asociados ao traballo, como a independencia persoal, a motivación nos seus percorridos cara ao emprego, o recoñecemento social e o establecemento de vínculos sociais, entre outros. Pero, ademais, no desenvolvemento do proxecto establécese unha estratexia de actuación a curto/medio prazo con cada participante, así como un percorrido de accións a realizar de orientación, formación e intermediación, para alcanzar o obxectivo final dunha inserción estable no mercado de traballo.

 

No caso de Galicia, enmarcados no proxecto Incorpora, Cruz Vermella desenvolve en Lugo e en Ourense o “Taller de Empoderamento e mellora da empregabilidade”, cuxo obxectivo é promover o avance persoal e profesional das mulleres de maneira que poidan normalizar as súas vidas e ter como meta a súa integración laboral. En concreto, no caso de Lugo, a Organización terminou esta semana o último dos seus talleres, no que participaron 11 mulleres.

 

En sesións de tres horas, traballáronse coas participantes diferentes aspectos, como a motivación para buscar novos retos persoais e a adquisición de compromisos de maneira proactiva; o fomento de actitudes positivas, iniciativa, interese ou afán de superación; a mellora das capacidades persoais e intereses profesionais para a obtención e o mantemento dun emprego; a aprendizaxe e mellora da xeración de estratexias que permitan unha óptima adaptación aos cambios; ou a mellora das competencias dixitais a través do uso de novas tecnoloxías.

 

Tras o paso polo proxecto, as persoas participantes conseguiron establecer uns obxectivos profesionais cun enfoque de incorporación laboral en condicións dignas e equitativas, así como o desenvolvemento de competencias básicas coas que realizar unha execución efectiva de actividades de diferentes ocupacións no mercado laboral. Pero, ademais, permitiulles coñecerse a elas mesmas, fortalecer a súa autoestima, crear redes de apoio mutuo e coñecer accións de corresponsabilidade que lles permitirán un acceso equitativo ao mercado laboral e a distribución de cargas familiares e tarefas nos seus fogares.

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email