Proporcionar unha atención global aos peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño de Santiago é o obxectivo do dispositivo especial de Cruz Vermella, que se puxo en marcha con motivo do ano Xacobeo durante este mes de agosto e que seguirá tamén en setembro. A previsión é prolongar a iniciativa durante o verán de 2022 e estendela tamén a outros itinerarios.
Este operativo, que conta co apoio de Xunta de Galicia e MAPFRE, dispón tanto de unidades móbiles como de postos de atención para actuar #ante calquera incidencia e prestar asistencia sanitaria ás persoas que percorren o Camiño Francés. Ademais, tamén se lles facilita información de diversa índole: xeneral, sanitaria, cultural ou sobre aloxamento, por exemplo.
Hoxe celebrouse un acto para falar da importancia deste tipo de dispositivos e para explicar as súas características no que interviñeron Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Colmeiro, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, Eva Piera, directora xeral de Relacións Externas e Comunicación de MAPFRE, e Daniel Fernández, coordinador de Emerxencias de Cruz Vermella en Galicia.
O dispositivo de Cruz Vermella proporciona cobertura ao longo de 111 quilómetros aproximadamente, os que separan Sarria de Santiago. Por unha banda, no propio Camiño hai patrullas móbiles en bicicleta que apoian ao peregrino durante o desenvolvemento das etapas. En total hai cinco equipos que cada xornada parten desde Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa e O Pino.
Por outra banda, habilitáronse tres postos de atención e primeiros auxilios en Portomarín, O Pino e Monte do Gozo. Ademais, hai un vehículo para labores de coordinación e loxística.
Desde principios de mes prestáronse máis de 200 asistencias sanitarias. As atencións maioritarias están a ser debidas a bochas ou dores musculares. Ademais, interactuouse máis de 600 veces cos peregrinos para resolver concultas de información.