Muller, de 44 anos, con fillos/ as a cargo e en situación de desemprego. Este é o perfil medio das novas persoas atendidas por Cruz Vermella Española a través do Plan RESPONDE fronte á COVID-19, posto en marcha agora hai un ano, tras decretarse o estado de alarma no noso país e que, ata o momento, permitiu apoiar a máis de 3.590.000 persoas.
As persoas que se incorporaron a Cruz Vermella por mor da pandemia son claramente máis novas que as persoas ás que xa atendía a Organización (44,4 anos de media fronte a 65 anos), hai unha maior proporción de fogares con fillos menores de 16 anos (50,2% fronte ao 22% do grupo que xa estaba a ser atendido por Cruz Vermella), cunha taxa de pobreza infantil do 95,6% e maiores taxas de risco de pobreza e exclusión (95,2% fronte a 73,8%) e desemprego (30,5% fronte ao 24,8%). En conxunto, o 57,5% das persoas atendidas sitúanse na pobreza extrema. O dato para a poboación xeral é do 2,9%.
Estes son algúns dos datos que se desprenden do Boletín sobre a Vulnerabilidade Social nº 20 presentado hoxe xoves, ‘Impacto da Covid-19 na poboación atendida por Cruz Vermella a través do Plan RESPONDE’, unha investigación que pretende obter unha radiografía detallada sobre o grao de vulnerabilidade, risco de pobreza e exclusión e necesidades e expectativas das persoas atendidas pola Organización a través do Plan Cruz Vermella RESPONDE.
Este estudo, desenvolto en colaboración coa Universidade Carlos III de Madrid, indaga tamén na información sobre os ingresos, situación ocupacional e os factores asociados á saúde, vivenda e protección social destas persoas co fin de ofrecer información relevante a todos os actores implicados na resposta á pandemia desde as administracións públicas, axentes sociais, terceiro sector e academia.
A situación socioeconómica establece considerables diferenzas entre as persoas incorporadas por mor da pandemia e as que tiveran algunha relación con Cruz Vermella previamente: entre as novas, as persoas xubiladas só representan o 13,2% (antes eran o 51%), aumentando sobre todo o desemprego (51,7%, fronte ao 24,8%) e, en menor medida, a proporción de persoas ocupadas (25,3% cando antes representaban o 14,6%). A taxa de traballadores pobres é, para o conxunto da poboación atendida, do 82,3% e, para as persoas de nova incorporación, do 90,2%.
Quen acudiu a Cruz Vermella por primeira vez tras a pandemia afrontan as situacións máis dramáticas: o 95,2% dos seus fogares están en risco de pobreza ou exclusión (fronte ao 73,8% do grupo que xa estaba a ser atendido por Cruz Vermella. AROPE), o 92,6% están por baixo do limiar da pobreza (antes, o 67,2%), o 63,1% experimentan privación material severa (antes era o 39,3%) e o 56,2% ten en paro a todos os seus membros en idade laboral (fronte ao 50,7 das persoas que xa estaban a ser atendidas por Cruz Vermella).
O 56,7% das persoas enquisadas afirma ter un estado de saúde regular, malo ou moi malo e o 35,2% sinala que este empeorou tras a pandemia. O 33,5% foi afectado pola Covid-19 dun modo próximo, sendo un 15,8% quen declara contraer a enfermidade persoalmente. Ademais, como consecuencia indirecta da pandemia os trastornos psicolóxicos ou emocionais teñen un impacto decisivo: o 66% afirma ter algún problema emocional sempre ou a maior parte do tempo, sendo a preocupación (43,1%), a tristeza (28.9%) e a depresión (24,9%) os estados de ánimo negativos máis estendidos.
A vivenda constitúe unha das áreas de vulnerabilidade das persoas enquisadas. Concretamente, o 18,2% sinalan problemas neste ámbito. E, de feito, un 6,5% está en situación de exclusión residencial. Pero, ademais, un 31,4% que residen en fogares con graves problemas de salubridade. Estas situacións son máis duras entre as persoas que se incorporaron á atención de Cruz Vermella por mor da pandemia. O 46,1% ten problemas para afrontar pagos relacionados coa vivenda e/ou subministracións. Entre a poboación de nova incorporación, a situación afecta ao 70,3%.
O 14,6% afirma non contar con ninguén que puidese prestarlle apoio nin antes, nin despois da pandemia. E para un 9,8% a súa rede de apoios diminuíu no contexto da COVID-19. Esta carencia ou empeoramento da rede social é máis grave no caso das persoas que acoden por primeira vez a Cruz Vermella (o 17,5% careceu sempre dela e para o 14,2% esta viuse reducida). En canto ás medidas gobernamentais incluídas no chamado Escudo Social, só os ERTE parecen ter unha difusión relativamente ampla: algo máis da metade dos traballadores beneficiáronse deles.
A pandemia da COVID-19 tivo un impacto en múltiples ámbitos da vida das persoas atendidas no programa RESPONDE, pero este impacto é aínda máis grave no caso das mulleres. Os seus indicadores de saúde son máis negativos (maior proporción de contaxios e de secuelas) como tamén as consecuencias directas no ámbito laboral (máis despedimentos e menos ERTES ou opcións a teletraballar).
Un elemento crave na análise dos efectos da COVID-19 é atender ás alarmas que se acenden ao redor dun tipo de fogar moi concreto: os fogares con nenos, nenas e adolescentes. É preocupante o seu peso no programa Responde e, sobre todo, entre as novas incorporacións: o 50,2% dos fogares novos ten entre os seus membros algún menor de 16 anos. Un terzo destes fogares declaran que tiveron problemas para seguir o curso escolar durante o confinamento, por exemplo o 23,6% afirman non contar co equipo necesario para seguir as clases.
A fenda dixital causada pola pobreza e a falta de competencias dixitais non só afecta os fogares con menores de idade, senón que é un problema xeneralizado dos fogares atendidos por Cruz Vermella no programa Responde. No 63,8% dos fogares non se dispón de computador e no 46,6% non teñen contratado ningún servizo da internet no fogar. A dixitalización de moitos procesos e servizos, acelerada pola pandemia, engade dificultades a estes fogares vulnerables, impedindo o seu acceso a determinados servizos e prestacións, acrecentando a súa fraxilidade e multiplicando o seu illamento, algo especialmente relevante no caso das persoas maiores.
Consulta aquí o informe completo.