Síguenos


Cruz Vermella en Lalín cambia de localización para seguir atendendo á poboación da zona

A Asemblea Local de Cruz Vermella en Lalín cambiou de localización. O novo espazo está na rúa Nuno Eanes de Cercio, número 44, ten 112,26 metros cadrados e conta con dúas oficinas, dúas aulas (unha con capacidade para 10 persoas e outra para 12), dous aseos e un almacén.

 

Estas instalacións facilitarán o labor de Cruz Vermella e a atención das necesidades das persoas máis vulnerables da localidade, converténdose nun espazo de convivencia, solidariedade e inclusión. Así se abre unha nova etapa de traballo en Lalín, marcada pola resposta fronte á COVID-19 a través do Plan Cruz Vermella Responde, que ata o momento atendeu a máis de 1.600 persoas na localidade, así como pola contribución para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030, desde os distintos proxectos da Institución.

 

Actualmente, Cruz Vermella ofrece en Lalín servizos de teleasistencia, promoción do envellecemento saudable, atención de proximidade, campañas de gripe e frío, talleres de estimulación de memoria e paseos saudables, sesións de competencias dixitais para maiores, atención á infancia vulnerable e mocidade ou persoas desempregadas e en extrema vulnerabilidade, coa entrega de alimentos ou material escolar. O desenvolvemento de toda esta actividade é posible grazas ao inestimable labor que desempeña o voluntariado da Organización, as persoas socias e as empresas. A institución conta con 50 persoas voluntarias na localidade, con 451 socios e socias e con 12 empresas colaboradoras.

 

Cruz Vermella inaugurou a súa oficina en Lalín en febreiro de 2014 e instalouse no Complexo Deportivo Lalín Arena grazas á colaboración do Concello de Lalín que cedeu este espazo. No últimos sete anos realizáronse accións concretas no ámbito local para reforzar esa proximidade coas persoas nos momentos nos que atravesan unha difícil situación.

 

En concreto, neste período desenvolvéronse proxectos destinados a persoas maiores, infancia e mocidade, inmigrantes, persoas desempregadas ou persoas nunha situación de extrema vulnerabilidade. En total, desde o 2014, atendeuse a máis de 8.300 persoas. Por outra banda, ofreceuse formación a diferentes colectivos. No 2014 foron 20 as persoas que asistiron a algún tipo de curso, fronte ás 1.729 que o fixeron en 2020.