Síguenos


Cruz Vermella e Xunta melloran a atención a persoas maiores grazas á adquisición de cinco novos vehículos

Un dos obxectivos de Cruz Vermella é apoiar ás persoas que máis o necesitan estean onde estean. En ocasións a atención realízase nas nosas sedes pero noutras moitas ocasións é necesario o desprazamento ao domicilio ou contorna da persoa usuaria e para iso son necesarios vehículos como os que se presentaron esta mañá.

 

O acto para dar a coñecer os detalles de dúas iniciativas cuxo obxectivo é mellorar a atención ás persoas maiores en Galicia tivo lugar en Santiago de Compostela e contou coa participación da conselleira de Política Social, Fabiola García, da presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, do director  xeral de  Maiores e  Persoas con  Discapacidade, Fernando González, e dos presidentes provinciais de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, e en Pontevedra, Teresa Álvarez, así como doutras autoridades e representantes da Xunta de Galicia e Cruz Vermella.

 

Dispoñemos de catro novos coches ecolóxicos (un por provincia) que se destinarán a actividades de axuda a domicilio complementaria. Así o voluntariado de Cruz Vermella poderá utilizalos para realizar visitas nos seus fogares a persoas maiores que viven soas ou que carecen dunha rede familiar próxima e, ao mesmo tempo, acompañalas fóra dos seus domicilios a citas médicas no centro de saúde ou o hospital ou ben a diversas xestións.

 

O obxectivo é garantir a mobilidade dos voluntarios e voluntarias para que as persoas maiores poidan acceder a diferentes actividades e servizos aos que doutro xeito non poderían. Algo que cobra especial relevancia se falamos de zonas rurais ou con gran dispersión poboacional da nosa comunidade autónoma.

 

Acompañamento dixital

 

Por outra banda, avanzáronse as liñas xerais doutro proxecto dirixido a persoas maiores interesadas en aprender a utilizar novas aplicacións e ferramentas tecnolóxicas. Trátase dun vehículo co que queremos romper a fenda dixital existente e que percorrerá Galicia coa finalidade de introducir á poboación maior no mundo dixital para que goce das súas vantaxes.

 

O obxectivo é poñer ao seu alcance os recursos e dispositivos necesarios para proporcionar información e transmitir coñecemento sobre o manexo de computadores, tablets ou teléfonos móbiles que lles permitan, por exemplo, mellorar o contacto con familiares e amizades a través de chats ou  videochamadas ou realizar procuras ou xestións por internet.

 

É importante destacar que se trata de cinco vehículos cuxa adquisición foi posible grazas a que a Xunta de Galicia confiou en Cruz Vermella para desenvolver estes proxectos a través da concesión de fondos do IRPF.