Síguenos


Cruz Vermella e Xunta apostan por poñer a tecnoloxía ao servizo de máis persoas en Galicia

A Xunta de Galicia e Cruz Vermella estreitan a súa colaboración co obxectivo común de que na nosa comunidade autónoma cada vez haxa máis usuarios que gocen das vantaxes dos servizos de teleasistencia avanzada, baseados en poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro Vermello, interviñeron nun acto que se celebrou en Santiago para facer balance da implantación das diferentes modalidades de teleasistencia avanzada así como para presentar novas solucións tecnolóxicas e dispositivos. Un dos retos é converter a Galicia nunha comunidade de referencia na utilización da tecnoloxía para a mellora da vida das persoas.

 

Joaquina Solórzano, Carmen Pérez, Vitoria Yáñez son tres usuarias que participaron xunto a Roque Fuentes e Juan Manuel Fuentes, familiares doutro usuario, para contar a súa experiencia con este tipo de servizos, que están dirixidos a persoas maiores, con enfermidades crónicas ou algún tipo de discapacidade. As finalidades principais son que os usuarios poidan permanecer na súa contorna o maior tempo posible, con autonomía e calidade de vida, e por outra banda, achegarlles tranquilidade e seguridade tanto dentro como fóra dos seus fogares.

 

Por outra parte, Ramón Bermúdez de Castro e Óscar Fafíán, director e director técnico da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia respectivamente, foron os encargados de facer unha exposición das diferentes modalidades de teleasistencia e das novas liñas nas que se está traballando. Así mesmo fixéronse varias demostracións do seu funcionamento en directo.

 

Cruz Vermella é entidade prestadora de servizos de teleasistencia para a administración autonómica. Actualmente os usuarios e usuarias teñen á súa disposición unha serie de servizos e programas para compoñer unha teleasistencia avanzada (é importante ter en conta que para que se considere avanzada teñen que ter polo menos dous deles):

 

  • Teleasistencia básica con liña fixa.
  • Teleasistencia básica GSM (con conexión móbil).
  • Teleasistencia móbil.
  • Teleasistencia con xeolocalización (para persoas con deterioración cognitiva).
  • Axendas médicas / recordatorio de citas.
  • Programa de apoio a persoas coidadoras.
  • Programa “Sempre acompañados” (para persoas sen rede familiar nin social).

 

Os servizos de teleasistencia funcionan 24 horas, 365 días ao ano e unha das súas grandes vantaxes é que, #ante calquera situación de emerxencia social ou sanitaria, pódese pedir axuda a Cruz Vermella a través dos distintos dispositivos (colgante, pulseira, teléfono móbil, reloxo, terminal domiciliario…).

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email