O máis importante é que as persoas maiores pérdanlle o medo ás novas tecnoloxías e que desenvolvan habilidades básicas para navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes, facer xestións en liña… Esta é a finalidade principal de “Enredando tour R” e outro dos seus obxectivos é que non sentan soas neste proceso e que poidan estar acompañadas por persoal especializado e o voluntariado de Cruz Vermella.
Esta iniciativa na que colaboran Cruz Vermella, a Xunta de Galicia e a empresa R presentouse hoxe e dispón unha aula móbil que estará nun total de 11 localidades galegas e que está pensada para enredar ás persoas maiores no mundo dixital.
O máis destacado da presentación
No acto de presentación, que se celebrou na Coruña, participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García, a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira, o director de Empresas de R e do Grupo Masmóvil, Isidro Fernández de la Calle, o director xeral de Maiores, Fernando González Abeijón, e a responsable do proxecto “Enredando” de Cruz Vermella en Galicia, Trinidad de Lorenzo. Ademais, durante a mañá tamén se impartiron os primeiros talleres no espazo de Cruz Vermella e R que se instalou na Dársena da Mariña.
Fabiola García asegurou que se trata dun proxecto que “permitirá que medio milleiro de persoas teñan acceso ao mundo enteiro a través dos seus teléfonos móbiles, que lles serven para conectarse cos seus, entreterse e facilitarlles o seu día a día”. Pola súa banda, Carmen Colmeiro destacou que “en Cruz Vermella queremos estar preto das persoas, é algo que nos caracteriza; e tamén apostamos por poñer a tecnoloxía ao servizo da poboación. Esta iniciativa permítenos ambas as cousas. Por unha banda, que as persoas maiores non queden fose do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes e, por outra banda, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas”.
Isidro Fernández de la Calle, pola súa banda, afirmou que lle parece esencial “deterse e pensar nas necesidades tecnolóxicas de colectivos con serias dificultades para mergullarse no mundo dixital, como o son habitualmente as persoas maiores e outros grupos sensibles”.
O proxecto Enredando
“Enredando tour R” enmárcase dentro do proxecto “Enredando” de Cruz Vermella Galicia, cuxo obxectivo xeneral é reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende a Organización na nosa comunidade autónoma. Trátase dun proxecto de capacitación dixital que xorde para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros.
“Enredando tour R” é a primeira das grandes accións deste proxecto que se pon en marcha e que aposta por apoiar ás persoas maiores e sensibilizalas no uso das tecnoloxías, así como axudalas a derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso.
Aula móbil e menús formativos
A acción conta cunha aula móbil na que se ofrecen contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Unha furgoneta superequipada transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
En cada unha das localidades onde recale o circuíto, instalarase a aula móbil en horario de 10 a 14 horas e organizaranse 8 obradoiros (2 por menú) de 45 minutos cada un. A aula estará nunha praza ou espazo significativo e cumpriranse as esixencias sanitarias e medidas anti COVID-19 para garantir a seguridade de todo o mundo.
As persoas maiores que participen poderán trastear mentres “degustan” un dos catro menús formativos que Cruz Vermella e R preparáronlles e que son os seguintes:
–“Vivo non mundo analóxico, rapaza”: menú básico para comezar a “enredar” na internet.
–”E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona o WhatsApp.
–”Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao Sergas, ao banco, facer a compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet.
–”Menú R: móbilR”: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións prácticas na internet.
No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal
Percorrido por 11 localidades galegas
O periplo comezou na Coruña e continuará por outras 10 localidades galegas segundo este calendario:
13 de setembro: A Coruña
17 de setembro: Cedeira
20 de setembro: Viveiro
21 de setembro: Sarria
22 de setembro: Monforte de Lemos
27 de setembro: O Carballiño
28 de setembro: Verín
29 de setembro: O Barco de Valdeorras
4 de outubro: Lalín
5 de outubro: Ponteareas
6 de outubro: A Guarda
Para participar nas actividades de “Enredando tour R” as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.