“En Cruz Vermella actuamos coas persoas que están nunha situación de vulnerabilidade ou exclusión para mellorar a súa calidade de vida. Contribuímos a que teñan oportunidades e recursos para participar na sociedade de forma igualitaria á vez que tratamos de potenciar a súa autoestima e autonomía”. Así describiu a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, o programa no que a entidade colabora coa Consellería de Política Social na atención a persoas sen fogar.
Acompañada do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a presidenta de Cruz Vermella agradeceu a disposición da administración pública “nun tempo complicado no que tivemos que aprender a adaptarnos ás circunstancias”. Neste sentido, lembrou a colaboración na xestión e montaxe de albergues e espazos de aloxamento temporal e o “apoio histórico” da Xunta a través do programa da Tarxeta Básica durante a crise sanitaria da covid-19.
Durante o último ano, e con motivo do impacto da pandemia, todas as accións vinculadas co ámbito da saúde foron reforzadas. Así, actividades de saúde preventiva, entregas de produtos sanitarios e de hixiene, así como acompañamentos a recursos sanitarios, alcanzaron un maior protagonismo xunto ás asistencias en trámites e xestións de forma virtual, incrementadas por parte de Cruz Vermella desde as súas propias oficinas.
Só en 2021, e no marco do convenio coa Consellería de Política Social, os equipos de Cruz Vermella nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra atenderon a un total de 1.135 persoas en situación de vulnerabilidade extrema, entre as que se atopaban 240 mulleres.
No marco do convenio autonómico, realizáronse 12.550 intervencións e 328 sesións de capacitación co obxectivo de facilitar a inclusión das persoas atendidas e 1270 entregas económicas e de bens para axudas de primeira necesidade.