Cruz Vermella Galicia e a Consellería de Política Social continuarán colaborando na atención a persoas sen fogar mediante o desenvolvemento dun programa de acompañamento e apoio a persoas en situación de vulnerabilidade extrema na nosa comunidade autónoma.
A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, e a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, asinaron esta mañá un convenio específico nesta materia e destacaron algúns dos puntos máis importantes. A Consellería de Política Social destinará un total de 170.000 euros para as accións deste programa.
Equipos especializados
Mellorar a situación das persoas sen fogar desde unha perspectiva de atención integral así como potenciar a súa autoestima e autonomía son os obxectivos principais. Cruz Vermella ten varios equipos especializados que se encargan da atención e seguimento na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
“Vivimos unha época complicada e desde Cruz Vermella manterémonos á beira das persoas que máis o necesitan”, resaltou Carmen Colmeiro ao finalizar a súa intervención. Pola súa banda, Fabiola García, sinalou que “esta iniciativa permitirá darlle información ás persoas en situación de rúa sobre os servizos e axudas ás que poden acceder, apoio psicolóxico, asesoramento legal e axuda no acceso á vivenda, entre outras cuestións”.
Unha das claves deste programa é a capacidade que ten de adaptar as súas actividades ás circunstancias que van xurdindo, como ocorreu coa crise da COVID-19 durante o anterior estado de alarma cando se colaborou na xestión e montaxe de albergues e espazos de aloxamento temporal en diferentes localidades galegas.