A presidenta provincial de Cruz Vermella A Coruña, Mercedes Casanova Díaz, e o presidente da Fundación do Real Club Deportivo da Coruña S.A.D, Antonio Couceiro Méndez, asinaron esta mañá a renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades, cuxo obxectivo é desenvolver accións conxuntas que axuden a promover sinerxias en favor dos colectivos vulnerables.
Este acordo, que estará vixente ata o 1 de xullo de 2022, terá como accións principais as seguintes:
- Cruz Vermella terá á súa disposición as instalacións do Real Club Deportivo para a divulgación das súas actividades e/ou campañas nalgún encontro, tanto no Estadio ABANCA-RIAZOR como na Cidade Deportiva de Abegondo, mediante a colocación dun stand.
- A Fundación de Real Club Deportivo da Coruña apoiará á Organización Humanitaria en campañas como o “Sorteo de Ouro” e noutras actividades, co obxectivo de colaborar para a sensibilización da poboación sobre as problemáticas sociais nas que traballa Cruz Vermella.
- Ambas entidades continuarán desenvolvendo proxectos sociais como AsistiDE, unha acción posta en marcha hai uns anos que leva a cabo Cruz Vermella coa Fundación do Real Club Deportivo da Coruña. O obxectivo é promover a participación de voluntariado de Cruz Vermella para facilitar o acceso ás instalacións do Estadio ABANCA-RIAZOR de persoas maiores, socios con problemas de mobilidade e xente nova con diversidade funcional ou limitacións de mobilidade temporal que teñen dificultades para acceder ao Estadio en días de competición.
- O Centro de Formación de Cruz Vermella, situado en Lonzas, desenvolverá un mínimo de tres programas formativos e de capacitación ao longo do ano dirixidos ao equipo, á canteira e o capital humano do clube. As áreas sobre as que versarán estas accións serán educación en valores, primeiros auxilios ou actualización e manexo de DESA, entre outros.
- O Real Club Deportivo entregará un máximo de 50 entradas para toda a tempada para uso e goce do voluntariado de Cruz Vermella. Ademais, a Fundación cederá 20 prazas do Dépor Campus de Abegondo para nenos e nenas en risco de exclusión social e a Organización Humanitaria cederá unha ambulancia medicalizada para o seu uso no Torneo RC Deportivo que se celebra cada ano o 17 de maio.