Síguenos


Cruz Vermella e a Consellería do Mar renovan o seu compromiso en materia de salvamento marítimo

A Consellería  do Mar e Cruz Vermella asinaron un novo convenio de colaboración en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación. Rosa Quintana, conselleira do Mar, e Carmen Colmeiro, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, reuníronse esta mañá na Base de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella na Coruña para selar este acordo.

 

Cruz Vermella e a Consellería do Mar renovan así o seu compromiso de velar nas costas galegas pola seguridade das embarcacións e as súas tripulacións e intervir no caso de que sexa necesario. O obxectivo é actuar sempre de forma coordinada cos diferentes medios e recursos dos que dispoñen.

 

Outra das cuestións importantes que se recolle no acordo, ao que a Consellería do Mar destina un total de 30.000 euros, é que se constitúe unha comisión para o seguimento e coordinación das distintas actuacións.

 

“Este convenio permítenos desenvolver actividades de salvamento marítimo en Galicia e coordinar os recursos existentes, algo fundamental cando se trata de salvar vidas e rescatar embarcacións que se atopan en perigo no mar”, resaltou Carmen Colmeiro. “Espero que a nosa colaboración mutua siga existindo durante moitos máis anos, desde a Xunta de Galicia  contribuímos con esa parte económica para satisfacer o esforzo que fai Cruz Vermella e o voluntariado ao servizo de toda a cidadanía”, explicou Rosa Quintana.

 

A continuación da firma, á que, entre outras persoas, tamén asistiron Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Lino Sexto, subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, e Alberto Bolíbar, coordinador de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella en Galicia, realizouse unha visita á L/S Condesa Pardo Bazán, embarcación que foi cedida pola Xunta de Galicia a Cruz Vermella no ano 2013 e que é unha das que se utiliza na actualidade.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email