Síguenos


Clausura Enredando Amtega Cruz Roja

Cruz Vermella e a AMTEGA promoveron a capacitación dixital de máis de 140 persoas con 55 e máis anos en Galicia

Favorecer a autonomía dixital das persoas con 55 e máis anos, e incluso da poboación xeral, e reducir a fenda dixital foron os obxectivos principais da iniciativa “Enredando Tour Amtega”. Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) fixeron balance deste circuíto, que percorreu 20 localidades das catro provincias galegas, o martes 03 de outubro en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron José Luis Barreiro Conde, presidente comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela; Miguel Rodríguez Quelle, director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así coma representantes de ambas entidades.

 

Clausura Enredando Amtega CruzRoja

 

Máis de 140 persoas participaron nas distintas actividades do circuíto, que se levaron a cabo entre o 10 de xullo e o 27 de setembro de 2023. Grazas a estes obradoiros, impartidos nunha contorna lúdica e agradable por persoal especializado e voluntariado, logrouse que as persoas participantes lle perderan o medo ás tecnoloxías e aparatos dixitais, que desenvolvesen habilidades básicas para manexalas, aprender e avanzar, ou mesmo que consultasen dúbidas puntuais sobre o manexo de aplicacións, dispositivos, etc.

 

En cada unha das 20 localidades instalouse unha furgoneta equipada con materiais dixitais de Cruz Vermella. A finalidade era enredar ás persoas interesadas no mundo dixital, e para iso podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes interfaces: Smartphone, tablet ou portátil. A actividade estaba dirixida a persoas de 55 ou máis anos sen prexuízo de que a poboación xeral participase e fixese as súas consultas.

 

Propuxéronse 4 menús/talleres para elixir, dedicados a abordar aplicacións e temáticas diferentes: navegar por internet e correo electrónico; utilizar a mensaxería instantánea para comunicarse; facer xestións cotiás co Sergas, banca electrónica ou compras online ou ben coñecer a factura electrónica.

 

En cada localidade impartíronse obradoiros nos que a duración de cada un dependía dos intereses das persoas participantes. Ademais, os menús formativos adaptáronse todo o posible ás necesidades das persoas, ao seu nivel de coñecemento tecnolóxico e aos seus intereses dixitais. Durante o “Enredando Tour Amtega” desenvolvéronse obradoiros que se traducen en máis de 100 horas de capacitacións en competencias dixitais básicas, e percorréronse preto de 1.500 quilómetros para acompañalas nese proceso de capacitación.

 

Un dos aspectos destacados desta iniciativa é o seu impulso á participación nas formacións de persoas que viven en pobos ou contornas rurais grazas, entre outras cousas, a que o equipo conta cunha furgoneta que transporta os dispositivos e accesorios necesarios para ir de localidade en localidade e montar a aula móbil en zonas céntricas ou prazas. Desta maneira facilítase ao máximo a asistencia e que as persoas non teñan que desprazarse a unha cidade ou a outro pobo.

 

Tanto quen participou no circuíto como as persoas que queiran achegarse ao mundo dixital e contar con asesoramento, teñen á súa disposición a páxina enredando.gal