Síguenos


Cruz Vermella dá a benvida a máis dun centenar de participantes nas xornadas nacionais de Teleasistencia

Innovación tecnolóxica para unha mellor calidade de vida. Baixo esta premisa, preto de 120 profesionais dos servizos de Teleasistencia, de centros de operacións e de persoal técnico instalador participan desde hoxe e ata o xoves nas Xornadas nacionais de Servizos Tecnolóxicos Dixitais de Cruz Vermella Española.

 

“Os servizos de teleasistencia son fundamentais para a inclusión social, un elemento indispensable para a vida das persoas maiores que permite proporcionar un coidado e acompañamento que, doutro xeito, non terían. Trátase de dispositivos que fan posible saber como se atopan os usuarios e coñecer as súas necesidades de forma instantánea”, explicou a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, durante a inauguración das xornadas. “Por iso é tan importante que os profesionais sigades formándovos en encontros como este e que poidades compartir a vosa experiencia traballando por facer mellor a vida das persoas. Porque o voso labor é esencial para estar preto, ser mellores e non deixar a ninguén atrás”, concluíu.

 

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira, que deu a benvida aos asistentes en nome da alcaldesa, lembrou a evolución do servizo de Teleasistencia na cidade desde a súa posta en marcha en 1998 – pasando dos vinte usuarios aos máis de 1.600 actuais-. Así, destacou a colaboración do Concello con entidades como Cruz Vermella “para sacar adiante programas sociais de tanto calado” e subliñou “a importancia das novas tecnoloxías no ámbito dos servizos sociais”.

 

Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor a vontade da Xunta para situar a tecnoloxía ao servizo do novo modelo de coidados. Neste sentido, subliñou que o Goberno galego está a impulsar a Teleasistencia, da man de Cruz Vermella, para superar os 10.000 usuarios en Galicia ao finalizar o ano.

 

Asistentes virtuais

Tras a benvida institucional, a experta en márketing dixital, comunicación e innovación, actualmente directora de Innovación en t2ó, Esther Checa, ofreceu a sesión inaugural Asistentes virtuais: casos de uso na relación coa persoa.