Oíches falar de +CO(mpensa)2? É un novo plan de Cruz Vermella para minimizar o impacto ambiental que xera a Organización e cuxa implantación será progresiva durante o próximos nove anos.
A reforestación de espazos e contornas naturais é a clave. Por iso desenvolveranse proxectos sinxelos nesta liña cunhas claves comúns: utilizar plantas autóctonas, potenciar o cambio de usos de chan para a creación de superficie forestal, permanencia de mínimo 30 anos para poder medir as absorcións producidas así como contar cun plan de xestión para facer seguimento.
Cruz Vermella está a programar accións de reforestación en diferentes zonas de España entre as que se atopa Galicia. E é que través da reforestación contribúese a reducir a concentración de gases no aire mediante o aproveitamento da capacidade fotosintética das plantas para absorber o CO2 da atmosfera.
Así mesmo, Cruz Vermella aposta por medir e rexistrar a pegada de carbono que xera e tomar medidas para reducir esas emisións tanto a través do control da nosa actividade como coa eficiencia enerxética dos edificios e a frota de vehículos.
“A través deste plan de compensación, onde o compromiso é alcanzar a neutralidade climática para o 2030 e que comeza este ano, espérase compensar as 15.086,06 Tn de CO2 emitidas pola Organización segundo a pegada de carbono calculada para este período. Isto implicará unha implantación progresiva que conjugue os proxectos de redución cos de compensación”, destacou Sara Casas, responsable de Medio Ambiente de Cruz Vermella Española.
Contribuír aos acordos de París e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que apostan pola alianza co clima son grandes obxectivos destes plans e proxectos, que se desenvolven desde a área de Medio Ambiente.
O noso labor neste sentido engloba desde a educación en valores ambientais para a concienciación social á mellora da nosa contorna con accións directas de conservación e limpeza (proxecto Libera), a loita contra a pobreza enerxética ou a xestión ambiental da propia Organización.
Para desenvolver estas actividades é fundamental o labor das persoas voluntarias que colaboran tanto na conservación dos espazos naturais como axudando ás familias en labores de asesoramento e mellora da eficiencia enerxética nos seus fogares