A Asemblea Provincial de Cruz Vermella na Coruña celebrou o 16 de outubro o Encontro Anual de Voluntariado, cunha romaría ao aire libre na contorna natural cercada de As Salgueiras (A Laracha), que conta con máis de 30 hectáreas de arroios, animais, bosque autóctono e carreiros, unhas características que o converten nun marco idóneo para o desenvolvemento do mesmo.
Como consecuencia da crise sanitaria producida pola Covid-19 o pasado ano, o Encontro en 2020 non puido celebrarse, polo que nesta ocasión eran moitas as ganas de volver verse, de compartir experiencias e recuperar a vida asociativa, sempre respectando as medidas de seguridade estipuladas para reducir a expansión do coronavirus. Así, no Encontro celebrado o pasado sábado participaron persoas procedentes das asembleas da Organización na Coruña, Betanzos, Boiro, Carballo, Ferrol, Sada, Santiago de Compostela e Ordes.
Trátase dunha cita anual na que se recoñece o compromiso do voluntariado, ademais de servir para reflexionar sobre o seu papel na sociedade e compartir experiencias con persoas que participan activamente en diferentes áreas e proxectos desenvolvidos nas asembleas da provincia. Nesta ocasión, o Encontro fomentou o xogo libre na natureza, aproveitando o espazo para que o voluntariado puidese gozar dos beneficios de pasar o día ao aire libre. Un xogo ambiental por equipos para descubrir as claves da contorna natural de As Salgueiras e recunchos de teatro, xogos de mesa, deporte cooperativo ou manualidades foron as actividades dirixidas que se celebraron nesta nova edición do Encontro Provincial de Voluntariado.
O balance deste evento é moi positivo. En palabras de Jaime López, director de Voluntariado provincial, “foi unha oportunidade de recuperar o encontro e a relación entre os membros da organización que hai tempo que non coincidían, debido ás dificultades para a vida asociativa que supuxo a crise da Covid-19. Participaron un total de 73 persoas e 9 voluntarios e voluntarias foron o soporte a todas as actividades e á organización do evento”.