Síguenos


Cruz Vermella celebra o 50 aniversario da creación da primeira Base de Salvamento Marítimo de España

Este ano a Base de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella na Coruña cumpre 50 anos (1971-2021). Trátase dunha Base emblemática xa que foi a primeira de España que se creou e coa que xurdiu a xa desaparecida Cruz Vermella do Mar. Desde entón non cesou a súa actividade, que na actualidade céntrase principalmente en tres tipos de intervencións: emerxencias, servizos preventivos e adestramentos. O equipo está formado por un xefe de Base e 70 voluntarios e voluntarias e dispón de catro embarcacións.

 

Hoxe desenvolvéronse unha serie de actividades para celebrar este aniversario tan especial. En primeiro lugar houbo un acto de carácter institucional no que interviñeron Carmen Colmeiro Rojo, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Inés Rey García, alcaldesa do Concello da Coruña, Rosa Quintana Carballo, conselleira  do Mar da Xunta de Galicia, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, María Rivas López, subdelegada do Goberno na Coruña, e Íñigo Vila Guerra, director da Unidade de Emerxencias de Cruz Vermella Española. Todos coincidiron en destacar a relevancia que tivo como xerme do salvamento marítimo moderno no noso país e que segue sendo unha Base de referencia.

 

A continuación tivo lugar charla-coloquio “50 anos de compromiso co salvamento marítimo” cuxo obxectivo foi facer un percorrido por diferentes momentos da historia desta Base. Esta charla, do mesmo xeito que o acto institucional, desenvolveuse no salón de actos da Autoridade Portuaria da Coruña e participaron persoas que estiveron a colaborar nos inicios, hai 25 anos e na actualidade.

 

Juan Trigo del Río, voluntario e xefe de Base nos primeiros anos, relatou que tiñan escasos recursos e como a chegada da embarcación “Blanca Quiroga”, que el mesmo foi a buscar a Francia en xuño de 1973 con outros voluntarios, supuxo un importante avance ao tratarse dunha lancha moderna e equipada.

 

Outra das persoas que interveu na charla é Andrea Gómez Rodríguez, voluntaria na actualidade que exerce como patroa e socorrista, que falou da importancia da preparación e formación continua que ten que ter o voluntariado de salvamento marítimo así como da incorporación e do papel da muller nestes equipos.

 

Por outra banda, Francisco Sánchez Fraga, voluntario e xefe de Base entre os anos 1994 e 2010, explicou que o naufraxio do pesqueiro “La Isla” nas inmediacións da Torre de Hércules foi o que deu pé a que se crease a Base. Este suceso tivo lugar o 4 de outubro de 1970 e faleceron catorce dos quince tripulantes. Ademais lembrou outras intervencións destacadas desta Base. Rafael Bautista Cordero é técnico superior de Operacións Especiais de Salvamento Marítimo (SASEMAR) na actualidade e foi coordinador de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella Española de 1992 a 2003 e o seu testemuño centrouse na importancia da coordinación das entidades e organismos intervenientes en actuacións de salvamento marítimo e, grazas á súa traxectoria profesional, ofreceu unha interesante visión desde dentro de ambos os lados.

 

Así mesmo, realizouse un simulacro no que participaron tres embarcacións de Cruz Vermella e o helicóptero Helimer 401 de Salvamento Marítimo. O suposto deste exercicio práctico foi o de ter que rescatar a unha persoa que se atopaba en perigo no mar. A finalidade foi mostrar a preparación do voluntariado así como algúns dos recursos dispoñibles para actuar #ante unha emerxencia.