Síguenos


Cruz Vermella atendeu a máis de 1.200 peregrinos co dispositivo especial do Camiño

Cruz Vermella fixo balance do dispositivo especial posto en marcha para proporcionar unha atención global ás persoas que realizan o Camiño de Santiago. Máis de 1.200 peregrinos e peregrinas foron atendidos polos nosos equipos.

 

Por unha banda, 400 persoas recibiron atención sanitaria, a maior parte destas atencións foron debidas a bochas ou dores musculares. Por outra banda, houbo 800 persoas ás que se lles proporcionou apoio doutra índole, resolvendo consultas de carácter xeral, sanitario, cultural ou loxístico, neste sentido proporcionouse información sobre as propias etapas do Camiño, a súa dificultade ou tramos alternativos; sobre lugares para durmir, comer ou visitar; sobre puntos para obter auga potable…

 

Este dispositivo especial polo Xacobeo estivo en funcionamento desde o 4 de agosto ata o 30 de setembro e para poder desenvolvelo Cruz Vermella contou coa colaboración de Xunta de Galicia e MAPFRE.

 

O operativo proporcionou cobertura ao longo de 111 quilómetros do Camiño Francés, desde Sarria a Santiago, e contou con patrullas móbiles en bicicleta que percorrían diferentes etapas partindo cada xornada desde desde Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa e O Pino. Durante estes dous meses, percorreron máis de 5.000 quilómetros.

 

Ademais, houbo tres postos de atención e primeiros auxilios habilitados en Portomarín, O Pino e Monte do Gozo e un vehículo para labores de coordinación e loxística.

 

Grazas a este dispositivo, conseguimos que en Galicia os peregrinos se sentisen máis seguros e protexidos.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email