Síguenos


Cruz Vermella atendeu a 56.200 persoas en Galicia no marco do Plan Cruz Vermella Responde fronte ao COVID-19

Cruz Vermella superou os obxectivos e expectativas do Plan Cruz Vermella Responde, un plan específico de actuación fronte ao COVID-19 que se lanzou hai xusto dous meses (18 de marzo) para apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade e poboación en xeral.

 

No caso de Galicia, Cruz Vermella atendeu a 56.251 persoas a través de 93.253 intervencións integrais nos ámbitos de emerxencias, inclusión social, saúde, educación e emprego.

 

A continuación detallamos algunhas das accións e datos destacados deste balance de dous meses:

 

  • O Centro de Operacións de Cruz Vermella en Galicia estivo operativo e funcionando 24 horas. Estivo proporcionando apoio loxístico e xestionando os recursos necesarios en diferentes actuacións. E estivo pendente da atención ás persoas usuarias dos servizos de teleasistencia.

 

  • Colaboramos na montaxe de 7 albergues de aloxamento temporal para persoas sen fogar na Coruña (2), Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía que en total suman 330 prazas. Así mesmo coordinámonos cos concellos correspondentes para colaborar na xestión de varios destes albergues. Os equipos de atención a persoas sen fogar continuaron realizando saídas de rúa para apoiar ás persoas que o puidesen necesitar.

 

  • Tivemos dispoñibles 18 ambulancias e 30 vehículos de transporte adaptado e emerxencia. Rexistráronse 634 traslados de transporte sanitario e 587 mobilizacións de persoas vinculadas ao COVID-19.

 

  • Realizáronse 15.537 entregas de bens de primeira necesidade, a maioría alimentos e outros produtos básicos, a familias e persoas en situación de vulnerabilidade.

 

  • Proporcionouse asistencia para trámites (bancos, compras…) e en total contabilizáronse 2.171 trámites.

 

  • Efectuamos 60.169 chamadas de seguimento, información e acompañamento a persoas maiores, con discapacidade, enfermidades crónicas ou que viven soas e son usuarias ou participan en proxectos de Cruz Vermella. Detectar necesidades, coñecer o estado de saúde e ofrecer pautas básicas de prevención fronte ao coronavirus foron os principais obxectivos destas chamadas.

 

  • Realizáronse 891 asistencias en materia de saúde farmacolóxica e outras 278 asistencias e orientacións de carácter psicosocial.

 

  • No ámbito do emprego, fixemos 1.268 actividades de información e orientación laboral con persoas que perderon o seu emprego ou están preocupadas #ante un futuro incerto no traballo.

 

  • O programa de Promoción de Éxito Escolar virtualizouse e realizáronse 2.114 actividades de apoio escolar a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.

 

 

A nivel nacional, o obxectivo inicial era atender a 1.350.000 persoas vulnerables e superouse a cifra xa que, no citado período, a Organización logrou apoiar a 1.605.191 persoas a través de 2.253.000 intervencións.

 

O voluntariado foi fundamental para levar a cabo este Plan. Máis de 1.277 voluntarios e voluntarias mobilizáronse en Galicia para atender ás persoas vulnerables. Destacamos que 589 foron novas incorporacións, persoas que se comprometeron con Cruz Vermella por mor desta crise. Todos eles recibiron formación específica sobre pautas de seguridade e prevención do COVID-19. En toda España, un total de 45.903 voluntarios estiveron mobilizados.

 

Os resultados alcanzados foron posibles grazas á gran resposta social, do sector empresarial e as administracións públicas. Neste sentido foi clave a masiva implicación da sociedade: empresas, medios de comunicación, institucións, socios de Cruz Vermella, personalidades do mundo do deporte e a cultura e miles de cidadáns anónimos.

 

Ampliación do chamamento

 

Ante o crecente impacto económico, social e laboral desta crise e o previsible incremento das situacións de precariedade no país, Cruz Vermella considera necesario ampliar e reformular a súa intervención co Chamamento Cruz Vermella Responde RECUPERACIÓN para chegar a máis persoas e durante máis tempo.

 

Esta nova fase dá comezo agora (18 de maio) e terá unha duración de 7 meses, período durante o que se espera atender a máis de 2.400.000 persoas vulnerables. No caso de Galicia, a previsión é chegar a máis de 225.000 persoas.

 

Con esta ampliación, a Organización humanitaria incrementa e reforza os seus programas e mecanismos de actuación, axustando a intensidade e pesos da súa intervención para apoiar a recuperación da sociedade, en especial das persoas máis vulnerables, mediante unha resposta integral desde todas as súas áreas de coñecemento en Socorros, Saúde, Inclusión Social, Emprego, Educación e Medio Ambiente, para contribuír de forma positiva e decidida ás fases de estabilización e recuperación.

 

Os principais obxectivos son, por unha banda, dirixir os esforzos cara ao restablecemento das condicións de vida e mellora do benestar das persoas en situación de dificultade e, por outra banda, seguir dando resposta ás súas necesidades básicas.