Síguenos


Llegadas_Ucrania

Cruz Vermella atendeu a máis de 125.000 persoas refuxiadas no primeiro ano de conflito en Ucraína

Cúmprese un ano desde que escalase o conflito entre Rusia e Ucraína, e Cruz Vermella segue atendendo á poboación afectada en todo o mundo, xa que a situación humanitaria en Ucraína continúa deteriorándose drástica e rapidamente e non se albisca o final das hostilidades a curto prazo. Os graves enfrontamentos continúan e seguen provocando vítimas civís, destrución de infraestruturas civís e públicas, e continuos desprazamentos de poboación.

 

O perigo do conflito bélico, a dureza do inverno e a crise económica lembran que as necesidades humanitarias provocadas son cada vez maiores. E é que os 12 meses de conflito deixaron 17,6 millóns de persoas que necesitarán axuda humanitaria en 2023 en Ucraína. Millóns de ucraínos soportaron 12 meses de intensas hostilidades e os habitantes das rexións de Luhanska e Donetska levan xa case nove anos de conflito sen acceso adecuado a alimentos, auga, atención sanitaria e mental, educación, protección e outros servizos esenciais.

 

Todas estas circunstancias dan lugar a unha situación humanitaria de extrema gravidade, na que máis de 1,2 millóns de fogares foron danados ou destruídos. Calcúlase que 14,5 millóns de persoas necesitaron axuda sanitaria humanitaria durante este período e uns 16 millóns de persoas requiriron asistencia en auga, saneamento e hixiene. Ademais, unha de cada 10 escolas foi danada ou destruída, e as temperaturas no inverno (que oscilan entre os 0 e os -25 graos) son unha gran preocupación.

 

En relación coas persoas que saíron de Ucraína, máis do 90% son mulleres, nenos, nenas, persoas maiores ou con discapacidade, entre outros colectivos, e estímase que hai máis de sete millóns de desprazados internos e oito millóns de persoas refuxiadas en países europeos.

 

A axuda de Cruz Vermella en España
Do mesmo xeito que Cruz Vermella Española envía axuda aos países afectados pola crise, no país séguese atendendo ás persoas desprazadas procedentes de Ucraína.

 

En febreiro de 2022, a Organización Humanitaria despregou dispositivos de atención en Asturias, Cantabria, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura e Madrid en primeira instancia, que máis tarde se ampliarían case á totalidade de provincias. Instaláronse dispositivos especiais de acollida nos aeroportos de Barajas, O Prat e Tenerife Sur, así como nas estacións de tren de Sants, Figueres, Girona, Atocha, Chamartín, Montijo, Castellón, Valencia e Alicante para a primeira asistencia ás persoas refuxiadas, traslado a outras localizacións, ou acollida en recursos de Cruz Vermella. Na primeira acollida e asistencia, prestouse especial atención ás atencións de primeiros auxilios, aloxamento temporal, entrega de alimentos, auga, artigos de primeira necesidade, asistencia sanitaria urxente, apoio psicosocial e tarxetas SIM de teléfono para que as persoas poidan manter o contacto cos seus familiares. Do mesmo xeito, e de maneira paralela, Cruz Vermella activou os seus sistemas de detección de situacións de trata.

 

Ata España chegaron miles de persoas, das que 125.023 foron atendidas pola Organización Humanitaria (64% delas son mulleres) a través dos 46 proxectos que forman a carteira de actividades que ofrece tanto a nivel nacional como internacional. E isto foi posible grazas ás 9.426 persoas voluntarias, formadas e preparadas especificamente para atender este tipo de situacións, proporcionando o seu apoio en orientación, ensino do idioma, tradución e axuda directa, ata a súa inserción social e laboral. Isto conseguiu que preto de 7.500 persoas mellorasen a súa empregabilidade, como un dos grandes hitos na súa atención, 3.091 recibisen apoio psicosocial e 22.371 puidesen contar coa Organización para os desprazamentos cara aos seus lugares de acollida.

 

No caso de Galicia, Cruz Vermella atendeu a un total de 781 persoas ucraínas, das que o 71% foron mulleres e o 31% menores de 19 anos. En relación coa idade máis frecuente, esta sitúase entre os 30 e os 35 anos.

 

Doutra banda, Cruz Vermella Española é unha das entidades xestoras do Sistema de Acollida a Persoas Solicitantes de Protección Internacional, coordinado polo Ministerio de Inclusión. Trátase dun sistema que se encarga de dar acollida en España ás persoas que fuxiron do conflito en Ucraína. O seu traballo cobre as necesidades básicas da poboación, o benestar emocional, a asistencia xurídica, o reforzo de competencias e habilidades para a autonomía persoal, a adaptación da mellora da empregabilidade e o acceso a un posto de traballo, ou a creación de redes coa sociedade de acollida e o éxito escolar, entre outros.

 

No marco do sistema de acollida e integración da Secretaría de Estado de Migracións, Cruz Vermella acolleu en recursos de aloxamento a 48.389 persoas, foron máis de 88.987 as atendidas socialmente e ata 7.072 as que recibiron axudas económicas en efectivo para cubrir as súas necesidades máis urxentes e básicas.

 

Actualmente atópanse en recursos de acollida 9.200 persoas ucraínas, mentres que máis de 2.600 están na fase de preparación para a autonomía. No caso de Galicia, están aloxadas un total de 534 persoas, que representan o 80% das atendidas no programa na Comunidade Autónoma.

 

Do mesmo xeito, a través de Cruz Vermella Xuventude a nivel estatal, máis de 10.350 nenos e nenas puideron compartir espazo con outros menores afectados polo conflito en actividades de lecer que lles evaden temporalmente das circunstancias que lles rodean e sérvelles como alivio emocional.

 

Axuda desde España no plano internacional
En Ucraína e no resto de Europa, Cruz Vermella está a apoiar ás persoas afectadas polo conflito desde o primeiro momento, incrementando as súas actividades tanto en número como en diversidade de respostas.

 

Máis de 11,79 millóns de persoas recibiron asistencia da Cruz Vermella Ucraína a través da distribución de axuda humanitaria, incluíndo alimentos, auga, roupa, mantas, tendas de campaña, artigos de hixiene e outros bens de primeira necesidade. Desde España, Cruz Vermella enviou nos primeiros meses, desde os distintos almacéns da rede territorial, un total de 5.183 kits de cociña, 9.900 mantas, 13.500 esterillas, 16.000 toldos plásticos, 2.500 kits de soño, 10.000 paquetes de comida familiar e 6.000 kits de hixiene (incluídos 2.000 para bebés).

 

De maneira paralela, a Organización Humanitaria enviou 18 vehículos de loxística, atención sociosanitaria, rescate e telecomunicacións ás Sociedades Nacionais da Cruz Vermella en Ucraína, Hungría e Polonia, e contribuíuse á compra de 111 xeradores eléctricos distribuídos para a chegada do inverno nas rexións de Kiev, Lviv e Luhansk. Isto permite que 4.450 persoas poidan ter puntos de calefacción temporais, así como 23 centros de saúde e centros sociais, e algúns servizos de emerxencia de Luhansk.

 

Ademais, un total de 36 persoas foron despregadas desde España como persoal de apoio en tarefas como a xestión do voluntariado, a loxística, as distribucións, a auga e saneamento, o albergue, a saúde, a protección de xénero e inclusión, ou a axuda de coordinación e medios de vida, sen esquecer o soporte remoto para a xestión da información co desenvolvemento e implantación dun software de xestión de voluntariado alleo a Cruz Vermella para poder coordinar toda a axuda que ofrece a poboación ás diferentes Sociedades Nacionais.

 

En Ucraína, Cruz Vermella Española despregou, nos meses de xullo e agosto, unha especialista para realizar un estudio de necesidades de medios de vida para desprazados internos e familias de acollida. Con iso apoiouse ao departamento para deseñar unha estratexia a medio e longo prazo para a recuperación, e no primeiro semestre de 2023 comezarán accións piloto en varias localidades do país.

 

En Polonia, a finais de 2022 iniciouse unha intervención para mellorar a empregabilidade e o acceso ao mercado laboral local das persoas que fuxiron do conflito.

 

En colaboración coa Cruz Vermella Danesa, Cruz Vermella Española apoia a resposta ás persoas afectadas polo conflito, con distribucións de artigos básicos de primeira necesidade, información en protección e atención psicosocial, tendo como centro a cidade de Chernivtsi. Alí atendéronse a 7.900 persoas con paquetes de comida, deuse acubillo a 300 persoas, entregáronse 1.900 kits de hixiene e ofreceuse apoio psicosocial a 1.070 persoas.

 

En Hungría, en coordinación coa Federación Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, despregáronse unidades móbiles de saúde para apoiar a asistencia sanitaria, pero tamén para formar a persoal da Cruz Vermella do país, promover a hixiene entre a poboación refuxiada, crear espazos amigables para menores, intervir no plano psicosocial con persoas en estacións de tren e albergues, ou elaborar carteis e guías para a identificación e prevención de tráta de persoas, entre outras actividades.

 

Doce meses de conflito
A devastación dos últimos 12 meses afectou todos os aspectos da vida de millóns de persoas. Moitos non poden regresar aos seus fogares e os que aínda se atopan no país enfrontan condicións terribles con acceso limitado a auga, calefacción, atención médica e outros servizos esenciais. As caídas de temperatura están a agravar os seus desafíos diarios. A Cruz Vermella de Ucraína e os seus socios están á beira das comunidades, brindando axuda crucial, desde servizos de procura e rescate e atención médica ata aloxamento e apoio en efectivo.

 

A medida que esta extenuante escalada do conflito entra no seu segundo ano, o impacto na saúde mental das persoas afectadas dentro e fóra de Ucraína é cada vez maior. A rede da Federación Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella (IFRC) en Europa está a executar a súa maior resposta de saúde mental na historia, mentres millóns de persoas loitan para facer fronte á angustia e o estrés desta crise.

 

A resposta a esta emerxencia foi global: con máis de 50 Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella traballando rapidamente para apoiar ás persoas afectadas polo conflito en Ucraína. Millóns de persoas seguirán necesitando asistencia, incluído aloxamento, diñeiro en efectivo, atención médica e apoio para establecerse na vida nun novo país ou dentro de Ucraína. A rede da IFRC seguirá dando apoio, grazas tamén aos doantes, que permitiron chegar a millóns de persoas con axuda vital en Ucraína e en todo o continente, pero esta é unha crise a longo prazo con necesidades crecentes e cambiantes, polo que se segue necesitando apoio continuo para soster e expandir a resposta internacional de Cruz Vermella.

 

Houbo ducias de ataques contra instalacións de saúde, traballadores humanitarios e civís desde febreiro de 2022. Estes ataques van en contra do Dereito Internacional Humanitario e, trágicamente, continúan, poñendo en grave perigo aos traballadores humanitarios e sanitarios. Son un recordatorio brutal dos riscos que o voluntariado toma todos os días para servir ás comunidades, e desde Cruz Vermella condénanse estes ataques continuos nos termos máis enérxicos.