Síguenos


Cruz Vermella apoia ás familias da tripulación do Villa de Pitanxo

Cruz Vermella estivo apoiando ás familias da tripulación do pesqueiro galego que naufragou o 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá). O afundimento do Villa de Pitanxo é a traxedia marítima máis grave que sufriu España nos últimos 40 anos.

 

O Equipo de Resposta Inmediata en Emerxencias (ERIE) de Galicia foi activado o mércores 16 a pedimento de Salvamento Marítimo e do 112-Galicia e desprazouse a Marín, localidade na que está a empresa armadora do barco e de cuxo porto partiu. A misión principal deste equipo foi a de coñecer a situación das familias, valorar as súas necesidades inmediatas e apoialas no que puidesen precisar e para iso fixéronse seguimentos telefónicos e tamén se lles atendeu de maneira presencial cando así o demandaron.

 

Púxose en marcha un protocolo similar ao do accidente ferroviario do Alvia e determinouse que lle correspondía ao equipo de atención psicosocial o contacto máis directo coas familias así como as notificacións da información oficial acerca de cada caso.

 

En todo este operativo Cruz Vermella traballou da man co Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). Ademais, Cruz Vermella participou en reunións de coordinación con outros organismos e entidades como a Delegación do Goberno en Galicia ou a Xunta de Galicia.

 

Momentos clave

 

A nosa participación no operativo foi intensa ata este mércores 23 e agora continuamos pendentes para mobilizarnos cando se requira. Durante estes oito días houbo dous momentos clave nos que o apoio foi fundamental. Por unha banda, ante a chegada do avión procedente de Canadá cos tres sobreviventes e con cinco dos corpos recuperados, Cruz Vermella puxo en marcha un dispositivo especial de acompañamento no aeroporto de Santiago de Compostela para estar á beira das familias.

 

Por outra banda, durante a concentración que tivo lugar na Alameda de Marín o sábado 19 para pedir que continuase a procura dos mariñeiros desaparecidos, tamén foi necesaria a presenza da nosa Organización para estar pendentes tanto das familias e achegados como da poboación alí reunida.

 

Os membros do ERIE contaron co apoio de compañeiros e compañeiras de Cruz Vermella en Pontevedra durante toda a emerxencia e tamén cos da Coruña para a atención en Santiago. Tamén foi necesaria a coordinación cos equipos de Canarias e Castela e León para apoiar a algúns familiares que viven nestas comunidades.

 

O máis importante foi proporcionar apoio psicosocial aos familiares que están a atravesar unha situación tan complexa e que sentisen acompañados.

 

Os Equipos de Resposta Inmediata en Emerxencias (ERIE) son unidades compostas por persoal, profesional e voluntario, con formación especializada para intervir en calquera punto de España coa mesma metodoloxía de traballo. Recentemente estiveron intervindo na emerxencia provocada pola erupción do volcán da Palma ou na dos incendios do pasado verán en Cataluña.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email