Síguenos


mesa diálogo ourense

Cruz Vermella analiza o “Mercado Laboral na contorna rural” con empresas de O Carballiño

O Carballiño acolleu esta semana a Mesa Empresarial “Mercado laboral no entorno rural”, co obxectivo de coñecer a situación socioeconómica e laboral que existe actualmente nesta comarca. Concretamente tratábase de ver que dificultades teñen as empresas para atopar perfís adecuados para os seus equipos, así como as que poidan ter as persoas que buscan emprego. Tamén se abordaron as diferentes posibilidades de colaboración das empresas coa área de emprego de Cruz Vermella e as vantaxes para elas froito destas colaboracións.

 

Nesta xornada contamos coa experiencia e participación de empresas e asociacións de diferentes sectores, tanto industriais como do sector servizos, pemes e grandes empresas. Concretamente, asistiron representantes da Asociación Área Industrial do Carballiño, a Asociación de Novos Empresarios de Ourense, as técnicas de orientación laboral do Concello do Carballiño, GRI Towers, Carlin Papelerías, Cacho Pizza, Casa Gazpara, Moquiños Fisioterapia, Nela Biosense – Nela Gourmet e Supermercado Superxa.

 

Unha das conclusións que máis se repetiu é a dificultade para atopar na propia comarca persoal para contratar ou formar. Neste sentido, púxose de relevancia a importancia de que a xente da localidade se forme para poder acceder a determinados postos en sectores como o industrial ou a cociña. Destácase, ademais, a importancia da formación teórico-práctica, como ferramenta para adquirir experiencia previa á incorporación da persoa ao mercado laboral, aspecto no que as empresas se mostraron interesadas en colaborar con Cruz Vermella, ademais de facelo doutras maneiras como orientacións grupais ou acudindo a nós para cubrir as súas vacantes de emprego.

 

A actividade organizouse desde o Plan de Emprego de Cruz Vermella en Ourense a través dos proxectos Incorpora, de Fundación “la Caixa”, e Reto Social Empresarial, que conta co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email