O compromiso desinteresado, a dedicación e a confianza das máis de 1.600 persoas voluntarias coas que Cruz Vermella conta na provincia da Coruña centrou a benvida do Encontro provincial de Voluntariado 2023, que tivo lugar no Paraninfo da UDC o sábado 01 de xullo.
“Non é casualidade que o carácter voluntario sexa un dos principios fundamentais de Cruz Vermella. Xunto ao poder da humanidade, a universalidade, a neutralidade, a imparcialidade, a independencia e a unidade, o voluntariado representa a esencia da nosa Organización. Sodes o impulso que nos permite traballar desde a sociedade e para a sociedade coa vontade posta en ser mellores”, subliñou o presidente provincial da Organización, Manuel Viqueira Verea, durante a inauguración da xornada, dirixíndose ás 120 persoas que participaron no Encontro procedentes das diferentes asembleas locais de Cruz Vermella.
A inauguración da xornada contou coa participación da concelleira de Turismo, Comercio, Mercados, Hostalería e Consumo, Diana Sobral Cabanas, que, en representación da alcaldesa da Coruña, agradeceu o labor do voluntariado. “A achega dos voluntarios é fundamental, non só para aqueles a quen axudades e acompañades, senón tamén para as administracións públicas. Grazas a vós, e a través de entidades como Cruz Vermella, somos capaces de chegar a máis persoas de maneira máis directa e eficaz”, asegurou a edil.
O director provincial de Voluntariado de Cruz Vermella na Coruña, Jaime López Hernández, foi o encargado de conducir as sesións do Encontro, “unha xornada -explicou- pensada para que todas as persoas voluntarias que desenvolven o seu labor en Cruz Vermella poidan interactuar entre elas compartindo as súas experiencias e motivacións”.
Entre as experiencias compartidas, a sesión de mañá contou coa intervención do técnico en prevención de incendios do corpo de Bombeiros da Coruña, Jesús Anxo Valencia, que, xunto a tres persoas voluntarias da Organización Humanitaria, compartiu a súa visión acerca de “a importancia do papel do voluntariado ante emerxencias non sanitarias”.
Recoñecemento ao compromiso e a dedicación
Uno dos actos centrais da xornada, que contou ademais coa presenza da presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova Díaz, foi a entrega de condecoracións a persoas voluntarias cun labor destacado na Organización. Así, o secretario provincial, Marcos Gómez Paz, trasladou o recoñecemento de Cruz Vermella polo seu compromiso e dedicación a María del Carmen Pérez, Modesto Fernández, Ana Fraga, María Elvira Roca, Aniana Lago e Manuel Santos.
Para finalizar a sesión de mañá do Encontro, e grazas á colaboración de Turismo da Coruña, os participantes realizaron unha visita interactiva pola Cidade Vella e, a continuación, trasladáronse ás inmediacións da praia de Oza para pasar a tarde compartindo actividades e momentos de lecer.