Síguenos


Cruz Vermella proba un novo asistente virtual para persoas con deterioración cognitiva no centro de día de Celeiro

Vixiar o estado de saúde e mellorar a vida das persoas con demencia é a principal finalidade do asistente virtual AVECEN. Cruz Vermella, como membro do Clúster da Saúde de Galicia, está a probalo no Centro de Día para Enfermos de Alzhéimer que ten en Celeiro (Lugo).

 

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto europeo IN-4-AHA (Innovation Network for Active and Healthy Ageing – Rede de Innovación para o Envellecemento Activo e Saudable), que contribúe á ampliación transfronteiriza de aplicacións probadas e listas para o seu uso na atención sanitaria e social. Concretamente, AVECEN xorde da colaboración, con financiamento público, de varias empresas lideradas por Plexus.

 

Este asistente pretende axudar a previr e autoxestionar enfermidades neurodexenerativas, como o párkinson ou o alzhéimer, que se caracterizan por unha deterioración progresiva das funcións cognitivas. No caso de Celeiro, está a probarse con 15 persoas usuarias con diferentes estadios de deterioración cognitiva.

 

Esta ferramenta tecnolóxica utilízase mediante unha tableta e está pensada como un sistema de monitoraxe e avaliación constante a través da execución de rutinas clínicas, que xeran recomendacións adaptadas ao estado da persoa usuaria, permitindo observar unha evolución lonxitudinal da enfermidade.

 

Con estas 15 persoas, durante o período de proba do asistente virtual (que comezou o 15 de novembro pasado e finalizará o próximo 31 de xaneiro) empréganse, entre outras cousas, cuestionarios e xogos adaptados ao seu perfil. Ademais, é fundamental o apoio das familias, coidadores e profesionais do propio centro e da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, xa que se trata dunha aplicación dinámica que monitora e avalía, continuamente, a realización de determinadas rutinas.

 

En Cruz Vermella apostamos pola innovación e polo desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos que melloren a calidade de vida das persoas máis vulnerables.

 

IN-4-AHA é un proxecto da Unión Europea, financiado por Horizonte 2020, no que participan 10 socios de 7 países europeos entre os que está o Clúster da Saúde de Galicia (CSG).

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email