Un total de 993 persoas pasaron a formar parte activa do mercado laboral coruñés durante o últimos dez meses grazas ao impulso de 423 empresas que, a través de diferentes alianzas, colaboraron con Cruz Vermella na provincia no que vai de 2023. Por este motivo, unha representación do tecido empresarial da Coruña foi o protagonista nun acto de agradecemento, celebrado o 19 de outubro, no que o presidente provincial de Cruz Vermella na Coruña, Manuel Viqueira, e os seus homólogos comarcais en Santiago e Ferrol, José Luis Barreiro e María del Carmen Fernández Corral, respectivamente, trasladáronlle o seu agradecemento á vez que convidaron o centenar de asistentes a sumarse “aos retos que veñen”.
O número de alianzas xeradas no marco do Plan de Emprego de Cruz Vermella, que conta co financiamento do Goberno de España a través do Fondo Social Europeo e do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES), viuse incrementado considerablemente tras a pandemia ocasionada polo covid-19. Así, as empresas colaboradoras pasaron de impulsar un total de 1.824 alianzas con Cruz Vermella na provincia entre 2016 e 2019 ás 3.961 rexistradas entre 2020 e 2023. “Unha mostra do firme compromiso do sector produtivo con quen o ten máis difícil”, apuntou o presidente provincial.
Ditas alianzas fan posible que as persoas en situación de vulnerabilidade accedan ao mundo laboral, xa sexa a través de contratos de traballo, de desenvolvemento de prácticas, de capacitacións profesionais a través de cursos de formación e mesmo de orientacións laborais e asesoramentos en procesos selectivos. Trátase de actuacións, explicou Viqueira durante a apertura do evento, coas que as empresas colaboradoras -un total de 1.301 entidades desde 2020 na provincia coruñesa- “contribúen á empregabilidade das persoas xerando oportunidades que cambian vidas”.
Omasan: “Estamos preparados para facer un bo traballo”
Máis aló das cifras, o acto organizado na Coruña serviu para mostrar ás empresas todo o que poden facer polas persoas destinatarias do Plan de Emprego de Cruz Vermella. Tras cinco anos en España, onde chegou a bordo do Aquarius procedente de Nixeria, Omasan formouse como axudante de cociña e camareira de pisos, realizou prácticas profesionais e, actualmente, leva máis dun ano traballando cun contrato indefinido. Conta emocionada os pasos dados ata chegar onde agora atópase, sendo ademais nai dunha nena de catro anos, e ten claro a mensaxe que quere lanzar (e así o lanzou ao máis de medio centenar de empresas asistentes ao evento): “Diríalles que crean en nós e nos dean unha oportunidade e esperanza porque en Cruz Vermella axúdannos a sacar o mellor de nós e estamos preparados para facer un bo traballo”.
Confianza, esforzo e traballo en equipo para perder o medo
A condutora do evento avanzara aos presentes que ao longo da tarde deixarían a súa “zona de confort” para poñer a proba a súa confianza no camiño de “lograr algo xuntos”. E así foi. As máis de cen persoas que asistiron ao acto organizado polo Plan de Emprego de Cruz Vermella na Coruña participaron nunha batukada coa que puideron comprobar a importancia da confianza en si mesmos (como a de persoas como Omasan cando buscan un emprego), a de poñer en práctica o aprendido (como facerse co son dun instrumento de percusión) e, sobre todo, a de colaborar con outras persoas para dar sentido ao traballo realizado e xerar oportunidades (como a diferenza entre o son de toda unha orquestra fronte a un só instrumento).
“Grazas ao compromiso de profesionais, empresas e entidades como as que nos acompañades, desde Cruz Vermella podemos dar resposta a quen o ten máis difícil”, subliñou o presidente provincial, que concluíu: “Porque non hai igualdade de oportunidades se non existe unha posibilidade real de acceder ao mundo laboral”.