A asemblea de Cruz Vermella en Lugo e a Asociación de Empresarios Lugo Monumental poñen en marcha a campaña `Con moito corazón´, cuxo obxectivo é a recadación de fondos en favor das persoas afectadas polos terremotos de Turquía e Siria do pasado 06 de febreiro.
Trátase da venda de corazóns solidarios, cun custo de tres euros, que se poden adquirir nos 52 establecementos que se atopan dentro de muralla de Lugo e que forman parte da Asociación. En concreto, trátase dunha bolsita de organza que inclúe un corazón antiestrés e unha tarxeta de agradecemento con información extra sobre as canles de captación habilitados desde Cruz Vermella.
Todo o recadado nesta campaña, cuxa duración prevista é dun mes, será destinado á Organización Humanitaria e ás súas tarefas de atención ás persoas afectadas polos terremotos de Turquía e Siria. En concreto, atención sanitaria e psicosocial, a instalación de albergues ou a cobertura de necesidades básicas, entre outras.
Desde o pasado 06 de febreiro, a Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella (FICR) traballaron de maneira coordinada coas Sociedades Nacionais para brindar apoio e solidariedade a longo prazo ás persoas de Turquía e Siria afectadas. Desde Cruz Vermella Española enviáronse nunha primeira fase 105 toneladas de axuda humanitaria a ambos os países, que incluían bidóns para transporte de auga segura, toldos plásticos, mantas e kits de cociña, entre outros materiais. Ademais, tanto a Media Lúa Turca como a Media Lúa Árabe Siria están a responder sobre o terreo desde o primeiro momento.