Síguenos


“Contigo é posible” é o lema co que convidamos a colaborar co Sorteo de Ouro de Cruz Vermella este ano

O labor de Cruz Vermella é ofrecer apoio e acompañamento ás persoas que máis o necesitan e a todas aquelas que están a sufrir as consecuencias da pandemia con maior intensidade. Unha das vías que fan posible que podamos desenvolver as nosas actividades é o Sorteo de Ouro. Este sorteo solidario permítenos canalizar o apoio de moitas persoas, empresas e entidades e destinar os fondos recadados coa venda de boletos á realización de proxectos.

 

O lema da campaña deste ano é Contigo é posible. Desde Cruz Vermella propoñemos á poboación que colabore, porque grazas ao seu apoio é posible cambiar miles de vidas, apoiar ás persoas máis vulnerables, acompañar ás persoas maiores e evitar a soidade, dar soporte ás persoas sen emprego, dar clases de apoio escolar a nenos e nenas…

 

A Organización está en plena campaña do Sorteo e en Galicia tamén se están desenvolvendo diferentes accións a través das que convidamos a colaborar con Cruz Vermella e a adquirir boletos.

 

Cada boleto custa 5 euros e, aínda que o máis importante é axudar aos que máis o necesitan, tamén hai premios. O primeiro premio está dotado con 3 millóns de € e en total hai máis de 7.000.000 € repartidos en 11.700 premios.

 

Este ano o sorteo terá lugar en Madrid o 22 de xullo. E xa van 42 edicións, porque levamos desde 1980, cando se celebrou o primeiro Sorteo de Ouro de Cruz Vermella, cambiando moitas vidas grazas á solidariedade e o compromiso de moitas persoas.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email