Desde Cruz Vermella en Galicia púxose en marcha un novo concurso de debuxo infantil. Lanzámolo con motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia e o obxectivo é poñer en valor o dereito de todos os nenos, nenas e adolescentes a crecer nunha familia que lles proporcione coidados, agarimo, educación e seguridade.
A idea é que os participantes se imaxinen e pinten as familias acolledoras para o personaxe da campaña que máis lles guste. O concurso está dirixido a nenos de 3 a 12 anos e establecéronse dúas categorías: infantil e primaria, e en cada unha delas outorgaranse diferentes tipos de premios.
Os debuxos pódense presentar ata o 14 de decembro. As persoas interesadas poden ampliar a información a través desta ligazón.
Esta acción forma parte da campaña Querer é Poder coa que queremos promover o acollemento familiar en Galicia e seguir dando a coñecer a realidade de nenos, nenas e adolescentes que non poden estar cos seus pais e nais porque estes non están nas condicións idóneas para o seu coidado. Por este motivo, hai familias acolledoras que lles ofrecen o seu fogar temporalmente e danlles o agarimo, a protección e os coidados que necesitan mentres a súa familia soluciona os problemas que lle impiden facerse cargo deles e elas.