Cruz Vermella en Pontevedra arrancou coa segunda edición do proxecto “O teu Xacobeo; o noso camiño con Cruz Vermella” este sábado 15 de maio. Nesta ocasión e a pesares da choiva, un grupo de máis de 40 persoas pertencentes aos programas de Infancia da Organización realizaron un tramo do Camiño de Santiago Portugués con saída dende a praza da Peregrina.
Ao acto inaugural, que tivo lugar na citada praza ao redor das 10 da mañá, acudiron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López Diéguez, e a presidenta provincial de Cruz Vermella en Pontevedra, Mª Teresa Álvarez Quicler. A continuación iniciouse a primeira etapa entre Pontevedra e San Amaro, en Barro, que é un tramo de aproximadamente 10 kilómetros dunha dificultade baixa adaptada a todas as idades.
O teu Xacobeo é un proxecto social que ten como finalidade o desenvolvemento de actividades que promovan a saúde e a adquisición de hábitos saudables, a formación, a educación e a defensa do medio ambiente, así como a inclusión dos colectivos vulnerables e o seu acceso aos recursos de ocio, culturais e de patrimonio como o resto de cidadáns. A iniciativa está promovida e financiada pola Xunta de Galicia e conta cunha achega de 15.550 euros.
Ademais, con este proxecto dende Cruz Vermella búscase fomentar a inclusión e a participación activa dos colectivos que atendemos potenciando o valor do Camiño de Santiago como unha oportunidade de participación social que promova o valor cultural de Galicia. A finalidade é implicar ao máximo número de persoas da poboación galega, xerando un sentimento de orgullo e pertenza cara a nosa comunidade, ao tempo que se busca a implicación das áreas rurais de menos de 5.000 habitantes a través da participación de habitantes desas zonas nas rutas e do coñecemento do seu entorno na elección dos municipios de paso.
Durante o ano 2019 desenvolveuse a primeira edición deste proxecto, no que participaron 434 persoas pertencentes aos distintos colectivos que atende a Organización: infancia, xuventude, persoas maiores, inmigrantes, refuxiados, etc, chegados dende todas as asembleas comarcais de Cruz Vermella na provincia: Baixo Miño, O Condado, Vigo, Redondela, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Lalín e Pontevedra.
Tanto a primeira edición do programa como a etapa realizada a fin de semana pasada tiveron unha boa acollida e os participantes mostraron sempre un gran entusiasmo: “É moi interesante e resulta unha gran experiencia para compartir momentos con outras persoas, desfrutando de todo o que nos ofrece o Camiño”, comenta un dos participantes. “Foi unha experiencia que me gustou moito”, indica outra das usuarias do programa.
Durante os próximos meses, realizaranse outras etapas do Camiño Portugués con persoas usuarias dos nosos programas, que rematará coa chegada á Catedral de Santiago de Compostela.