Yuvia Mendoza é unha desas persoas que non se renden. A esta mexicana de 42 anos fincada en Pontevedra a vida deulle unha volta hai uns anos, cando ao quedar viúva tivo que enfrontarse á procura de novas oportunidades laborais que lle permitisen atender aos seus tres fillos. A súa forza e adaptación ás circunstancias da vida fíxose patente cando, tras volver ao seu país de orixe temporalmente, decide regresar a España para empezar de cero. Hoxe falamos con ela para que nos conte a súa experiencia como participante do Plan de Emprego.
– Cal era a túa situación antes de acudir a Cruz Vermella?
Estudei a licenciatura de Ciencias e Técnicas da Comunicación, unha mestría en Mercadotecnia e estou en proceso de doutorarme en Filosofía. Cheguei a España xunto ao meu marido e os meus tres fillos no ano 2018. Por un problema de saúde, o meu esposo faleceu en Barcelona e a vida deu un envorco para min. De ter unha situación cómoda e feliz, na que o meu marido era o principal soporte económico da familia, tiña que empezar de cero. Regresei a México a traballar, pero o meu salario non me permitía continuar mantendo a miña vida e a dos meus fillos, así que volvín a reformularme a miña situación e regresei a España.
– Como coñeces o Plan de Emprego de Cruz Vermella?
Ao chegar a Pontevedra inscribinme en todas as plataformas de traballo e mandei o meu CV a moitas empresas, pero non tiven a oportunidade de ter unha entrevista. Sempre pensei que establecer unha comunicación en persoa permite mellor que avalíen o teu talento, ganas e disposición para o traballo. Con todo, nas ofertas que atopaba soamente buscaban a experiencia en España e, supoño, a idade tamén obraba a favor ou en contra.
Foi un amigo quen me comentou que en Cruz Vermella había un proxecto de emprego, así que me acheguei a pedir información e a explicar a miña situación. Recibíronme con moita amabilidade e empatía, e abríronme por primeira vez os ollos acerca da situación das persoas estranxeiras en España. Faláronme das dificultades ás que nos enfrontamos, pero tamén dos recursos que temos dispoñibles para acceder ao mercado laboral. Tras esta toma de contacto, sentínme novamente coa posibilidade de empezar e darlle unha volta á miña situación.
– En que consistiu a túa participación?
No meu caso, tras a primeira valoración, participei nunha formación transversal, necesaria para mellorar o acceso a un emprego, que incluía orientación ao cliente, talleres de ferramentas para a procura de emprego, sesións de como enfrontarse a unha entrevista de traballo ou preparar un CV, etc. Aos poucos días de comezar recibín unha oferta de traballo como dependenta dunha tenda de artesanías en Combarro. Tiven claro que tiña que dicir que si e, xunto á dona do negocio, estiven a traballar durísimo atendendo a unha media de 700 persoas ao día. A verdade é que o sitio ten un encanto especial: a xente entra na tenda para pedir un desexo no balcón e bebe un chopo de bagazo artesanal.
Todo ía xenial ata que a propietaria do negocio recibiu unha oferta para compralo. Esta situación causoume medo porque podía perder o meu traballo coa nova administración. Decidín comentalo cun amigo e veciño galego, quen viu interesante o proxecto, e con outras dúas persoas arxentinas puidemos chegar a unha boa negociación e quedarnos nós co negocio, ao que actualmente chamamos “O miradoiro de Combarro”.
– Como foi a experiencia? Estás contenta cos resultados?
Síntome inmensamente agradecida e protexida por Cruz Vermella, entidade á que regresei despois para dar as grazas polo seu apoio e ser a miña táboa de salvación.
– Cal é a túa vinculación actual con Cruz Vermella?
A miña vinculación aínda existe, por exemplo, fai un par de meses fun a expoñer a miña experiencia a un grupo de mulleres en situación de vulnerabilidade, como eu estiven no seu momento. Saín da sala con máis enerxía que nunca e coa convicción de que todas temos algo que dar, aínda que poida parecer insignificante.
Actualmente sigo colaborando coa Organización. En concreto, estou a valorar a posible incorporación dunha moza que está inscrita na bolsa de emprego de Cruz Vermella este ano para traballar na tempada de verán.
– Cales son os teus soños e plans de futuro?
O meu futuro non se como virá, pero por agora atópome satisfeita, agradecida e con ganas de ter máis proxectos. Retos encamiñados á miña profesión, gañando experiencia e, sobre todo, volvendo ter confianza en min mesma.
Coñece máis casos de éxito nesta ligazón.
* O Plan de Emprego conta co apoio da sociedade, as empresas e as administracións públicas territoriais, así como do Ministerio de Traballo e Economía Social, e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES), e do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ).