
13 Xuñ Proxecto Antenas
A soidade non é un problema, sempre que sexa unha elección dunha persoa que libremente elixe vivir soa sen limitar os seus contactos sociais. Con todo, cando unha persoa non elixe esa situación, senón que lle foi provocada por diversas circunstancias da vida, a soidade pode converterse nunha carga difícil de levar e conducir a un grave empeoramento da calidade de vida.
Combater a soidade non desexada require dos demais, moi especialmente da contorna máis próxima das persoas: o barrio, a tenda, a farmacia, o centro de saúde, é dicir, a túa propia veciñanza.
Antenas é un proxecto de Cruz Vermella financiado pola Xunta de Galicia que pretende contribuír a que toda a sociedade teña as «antenas» postas para poder saber se preto de nós hai xente á que podemos axudar e acompañar. Nace para poder desenvolver este traballo pioneiro en certos barrios de Galicia, pero tamén se cres que podes axudar a alguén e non sabes como facelo respectando a súa privacidade.
O fundamento
En Galicia temos unha poboación especialmente envellecida, o que motiva que poñamos unha especial atención no comportamento e nas necesidades dun colectivo cada vez maior e cuxas proxeccións din que seguirán crecendo nos próximos anos.
Un de cada catro galegos vive só. Son 290.500 os que forman fogares unipersoais dos que case a metade superan, ademais, os 64 anos. O IGE –Instituto Galego de Estatística– sinala que, con datos do ano 2018, o 53,4 % dos fogares unipersoais son de persoas maiores de 65 anos.
Resulta imprescindible abordar estratexias, como o Proxecto Antenas, que permitan detectar situacións de soidade non desexada, para garantir o benestar e a mellor saúde das persoas maiores en Galicia: trátase de previr escenarios de vulnerabilidade e de illamento social, e de reforzar as redes sociais e de veciños que loiten contra esa posible soidade non desexada.
Que facemos
- Detectamos de forma temperá situacións de risco.
- Poñemos en marcha servizos de seguimento e recursos para acompañar ás persoas.
- Facilitamos que as persoas poidan continuar na casa.
- Buscamos a axuda doutros recursos do barrio.
- Traballamos en rede cos servizos sociais e sanitarios de referencia das persoas.
Podes ser unha antena se lles prestas atención aos cambios nos hábitos de vida das persoas que coñeces:
- Ausencias prolongadas.
- Cambios nos seus hábitos de vida ou rutinas diarias.
- Modificacións no seu estado emocional.
- Indicios de deterioración física ou cognitiva.
- Empeoramento no seu aspectos persoal ou na súa hixiene.
Se tes preto unha persoa que poida necesitar axuda, podes contactar connosco a través do teléfono 900 825 030 ou por correo electrónico a galicia@cruzroja.es