Coincidindo co inicio do verán, Vegalsa-Eroski puxo en marcha unha campaña de venda de bolsas “tote bags” solidarias na súa rede de establecementos Eroski e Autoservizos Familia de Galicia a favor de Cruz Vermella. En concreto, serán 2.500 bolsas de tea de algodón orgánico reutilizables as que están á venda ata o próximo mes de setembro nun total 152 supermercados e hipermercados das insignias anteriormente citadas a un prezo de 1,5 euros. A recadación destinarase nesta ocasión ao proxecto de Promoción do Éxito Escolar de Cruz Vermella que ten como obxectivo principal traballar nas habilidades persoais que inflúen no proceso escolar dos nenos e as nenas, facilitando o seu acceso a servizos e recursos que lles permitan mellorar o seu rendemento escolar e proporcionarlles axuda na realización das súas tarefas escolares.
En palabras de Gabriela González, directora de RSE, Comunicación e Área Cliente de Vegalsa-Eroski, “como empresa socialmente responsable que somos queremos achegar o noso granito de area para contribuír a unha sociedade máis solidaria e sostible. E facémolo implicando á nosa rede comercial en Galicia a través da venda dun accesorio tan práctico como son as tote bag de tea, especialmente durante o verán. Grazas á recadación de fondos, seguiremos apoiando a Cruz Vermella en reducir as desigualdades entre os nenos e nenas en risco de exclusión social”.
Alianzas en defensa dos colectivos máis vulnerables
Esta iniciativa é un exemplo da estreita colaboración que ao longo dos anos mantiveron ambas entidades, realizando proxectos en favor das persoas máis vulnerables. Boa proba diso son, por exemplo, as iniciativas conxuntas levadas a cabo o pasado ano como o libro “Los peques a la mesa”, cuxa finalidade é proporcionar ás familias con menores ao seu cargo receitas saudables, con produtos de tempada e de proximidade, a prezos alcanzables, ou o proxecto Bioescuela: Naturaleza y Emociones, posto en marcha en xullo de 2020 para ofrecer un reforzo emocional aos nenos e nenas a través do xogo libre na natureza. Tamén cabe citar o proxecto desenvolvido en 2018 para achegar á sociedade receitas para comer de forma saudable e alcanzable baixo o título “Hoy como en casa: recetas saludables y económicas elaboradas por los mejores chefs de Galicia”.
“As alianzas coas empresas comprometidas son un eixo básico para Cruz Vermella, pois a través de iniciativas como esta estamos máis preto das persoas e podemos ofrecer un apoio a quen está pasando por momentos difíciles. Esta iniciativa é un claro exemplo do noso traballo conxunto en favor da infancia. Ademais, confirma unha vez máis a boa relación que existe entre Cruz Vermella e Vegalsa-Eroski, realizando numerosos proxectos e traballando conxuntamente para construír unha sociedade mellor”, destaca o vicepresidente provincial de Cruz Vermella na Coruña, Andrés Ríos.