Síguenos


Birane Ngom, de Senegal a Allariz da man do Plan de Emprego

A súa mirada dio todo: transmite esa tranquilidade de quen está en paz consigo mesmo. Hai uns días Birane Ngom volveu a Cruz Vermella tras máis de tres anos nos que, a base de esforzo, a súa vida deu un cambio total. E fíxoo para traer un donativo de 400 euros froito do seu talento como carpinteiro e o seu profundo sentimento de agradecemento con todas as persoas que o axudaron.

 

“Tiven que esforzarme moito para chegar a España e manter á miña familia, porque en Senegal as cousas non van ben. Non esquezo nada do que me pasou, o que sufrín, as alegrías, quen me ten axudado… E se vexo que alguén o pasa mal, eu pásoo mal”, explica.

 

Di que chega a final de mes coa súa conta baleira, porque co seu soldo mantén á súa familia en Senegal. A súa responsabilidade e empatía fan deste senegalés de 34 anos todo un exemplo de actitude.

 

“Na vida nunca sabes o que pode pasar mañá, pero sobre todo hai que respectar á xente, aprender a convivir, e cando se pode axudar hai que axudar, é o que me dixo a miña nai e o que tento facer”, explica.

 

Contacto con Cruz Vermella

 

A súa historia en España comeza cando hai cinco anos chega desde Dakar a Madrid. Alí tivo o seu primeiro contacto con Cruz Vermella, que lle axudou durante unha semana ata que veu a Ourense, onde lle esperaba o seu tío Bay. Que o irmán pequeno da súa nai levase 10 anos en Ourense dáballe seguridade e esperanza. El foi o seu piar e o seu guía: explicoulle que o primeiro que debía facer era aprender o idioma, por iso empezou a ir a clases de español a Cáritas. A súa intención sempre foi traballar en carpintería porque é a súa profesión, con 12 anos de experiencia e formación regrada no seu país. Pero nese momento non había cursos no sector, polo que xa desde o INEM enviárono ao Plan de Emprego de Cruz Vermella.

 

É aquí cando comeza un curso de limpeza, confiando en Cristina, técnica do proxecto, que lle asegura que lle vai a ir ben. E así, tres meses de formación e prácticas non laborais en Ferrovial convertéronse nun emprego para Birane, un primeiro traballo que lle dá a oportunidade de cambiar a súa vida, traballando nos servizos de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

 

Tanto persoalmente como profesionalmente é moi valorado, e entre as súas compañeiras estaba María, a muller de quen hoxe en día é o seu xefe en Ebanistería Allariz. Ela, ao saber da súa vocación de carpinteiro envíalle o currículo de Birane ao seu marido, César. Ao principio houbo que superar certas dificultades, porque non tiña como trasladarse de Ourense a Allariz, pero unha vez máis puido empezar a traballar alí grazas ao apoio dun compañeiro que o levaba cada día.

 

Unha árbore moi especial

 

Este Nadal foi moi especial para a empresa, porque Birane fixo unha preciosa árbore de madeira con listóns de diferentes tipos para a súa tenda de mobles. O éxito foi tal que lle pediron que fixese outro para regalar ao Hospital, onde coñecera a María. “Iso é algo que non esquezo”, di, e por iso púxose a traballar fóra de horario laboral nesta árbore para o quirófano. Novamente gustou tanto entre o persoal que lle encargaron outro; chegado este punto César propúxolle aceptar o encargo pero sen cobralo, e se ao final a doutora que o encargaba pagáballe algo, entón doaríase a Cruz Vermella. Así foi como chegou de novo á Organización.

 

Como nos mostra Birane coa súa propia historia, a vida é dar e recibir. Birane hoxe vive independizado, ten carné de conducir e está a homologar o seu título de formación profesional. Di que está orgulloso, contento e moi agradecido porque lle axudaron moito, pero sen dúbida detrás hai un gran traballo diario, moito esforzo persoal e grandes valores. Persoas como Birane fan da Humanidade non só un principio, senón tamén un fin.