Coñecer as impresións que as persoas e empresas que participan activamente no Plan de Emprego de Cruz Vermella teñen é fundamental para seguir creando oportunidades que cambian vidas dunha maneira efectiva. Neste sentido, as cidades da Coruña, Pontevedra e Vigo acolleron esta semana as Sesións Somos do Plan de Emprego de Cruz Vermella, coas que a Organización Humanitaria trata de mellorar e sistematizar as relacións con participantes e empresas, de maneira que se consiga unha relación máis efectiva e adecuada para a inserción laboral, así como unha captación máis efectiva e atractiva de novas compañías que queiran unirse ao proxecto.
Nesta ocasión, as sesións realizáronse de maneira presencial coa participación da facilitadora María Dolores Barriuso Bravo, voluntaria experta en Recursos Humanos de Cruz Vermella en Zaragoza. Nelas participaron un total de 19 persoas e 19 empresas que teñen unha ampla traxectoria de colaboración co Plan de Emprego.
As sesións Somos xurdiron no ano 2015 para coñecer de primeira man a percepción que participantes e empresas teñen dos valores diferenciais do Plan de Emprego de Cruz Vermella a nivel estatal. A solidariedade, a integralidade, a adaptación ou a eficacia do proxecto foron algunhas das temáticas que se trataron nas xornadas de traballo. Ademais, durante a celebración das mesmas, puidéronse detectar as fortalezas do Plan de Emprego e aqueles aspectos que é necesario mellorar, ademais de novos intereses, necesidades e ideas que permitirán crear mercados laborais máis inclusivos e igualitarios.
Tras a finalización das sesións, os equipos de Galicia confirmaron que a celebración e a experiencia das persoas e empresas que participaron nelas é altamente positiva. E é que, grazas a esta colaboración, as persoas técnicas do Plan de Emprego poden actualizar e redefinir o enfoque de traballo con participantes e empresas, continuando co seu obxectivo de incorporar a diversidade e o talento no emprego.
Esta actividade enmárcase no Plan de Emprego de Cruz Vermella e conta coa colaboración do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).