Síguenos


As administracións locais, grandes aliadas no ámbito rural de Ourense

Cruz Vermella desenvolve a súa acción intentando dar a meirande cobertura posible ao territorio provincial de Ourense. O labor de atención ás persoas, a valoración das súas necesidades e o desenvolvemento das respostas máis axeitadas a cada situación persoal, require un traballo de continua coordinación. A comunicación fluida cos servizos sociais de referencia e a xestión do voluntariado, así como doutras colaboracións da contorna comunitaria, permiten ás referentes técnicas  das distintas asembleas comarcais levar a cabo un traballo diario que se achega ás distintas localidades, para facer efectivo o apoio ás persoas que máis o necesitan, precisamente por vivir en núcleos pequenos, afastados dos recursos médicos, comercio, oficiñas bancarias ou opcións de lecer, entre outros.

 

Mais esta intervención de Cruz Vermella cos distintos colectivos, dende infancia a persoas maiores, precisa dunha alianza fundamental: as administración locais. Os Concellos son a administración máis cercana ás persoas, polo que a  cooperación mutua resulta imprescindible: tanto para dar resposta a necesidades de persoas, e ás que se atenden traballando en rede cos servizos sociais municipais, como para manter a propia acción local de Cruz  Vermella na comarca.

 

Neste sentido, hai que destacar os distintos convenios de colaboración existentes  co Concello do Barco de Valdeorras, Concello do Carballiño, Concello de Ribadavia, Concello de Celanova, Concello de Maceda, Concello da Gudiña, Concello de Xinzo de Limia, así como coa Mancomunidade de Verín. Estes convenios implican difefentes axudas, ben sexa a través da cesión de espazos para  desenvolver a actividade de Cruz Vermella, ou para as diferentes  intervencións que implica a atención ás persoas usuarias.

 

Trátase de sumar forzas para un único fin: mellorar a vida das persoas en situación vulnerable, no seu propio entorno e dende unha atención o máis integral posible.