Promover o uso de xogos e xoguetes como ferramenta educativa e de transmisión de valores é o obxectivo do proxecto O Xoguete Educativo de Cruz Vermella Xuventude. O obxectivo da edición 2023/2024, co lema ‘Os seus dereitos en xogo’, é atender a máis de 57.000 nenos e nenas en vulnerabilidade social en España (máis de 1.800 en Galicia), garantido o seu dereito ao xogo e sensibilizar sobre a importancia do mesmo.
O proxecto vai moito máis alá da repartición de xoguetes, pois busca ademais dotar ás familias de ferramentas para educar en valores e no xogo saudable, enmarcado nun sistema de traballo real que ten moi presente que a infancia é a época máis importante para o desenvolvemento integral das persoas.
Desde Cruz Vermella Xuventude enténdese o xogo como vía de difusión de calquera proposta educativa e pedagóxica, por iso é polo que poñen todos os seus esforzos para que, ningún neno ou nena quede sen recibir un xogo ou xoguete durante todo o curso escolar.
Os xoguetes non só son fonte de lecer para os nenos, nenas e adolescentes, senón que axudan a mellorar as súas habilidades comunicativas, ou a relacionarse. Aí reside a importancia de que cada neno e cada nena, a familia e a contorna entendan por que é necesario adecualos a cada persoa, idade, capacidades e gustos.
Que tipo de xoguetes pódense doar?
Para Cruz Vermella e Cruz Vermella Xuventude o dereito ao xogo é igual para todos os nenos e nenas, á marxe da situación na que se atopen. Por iso, reivindica cada ano que todos e todas teñan os mesmos dereitos e teñan a oportunidade de estrear xoguetes, polo que non se aceptan produtos usados.
Búscase que sexan non bélicos, non sexistas, e educativos para favorecer as actitudes de respecto e cooperación, a creatividade, a tolerancia, a diversidade, o respecto ou a igualdade, xa que son elementos transmisores de valores sociais. E dentro do compromiso da Organización co medio ambiente, non falta a sensibilidade sostible, incentivando que a doazón sexa daqueles fabricados a partir de materiais con menor impacto ambiental.
Outras formas de doar
Ademais da entrega de xoguetes nos puntos de recollida habilitados, pódese colaborar coa campaña realizando doazóns na web de Cruz Vermella, a través de bizum 04048 ou do teléfono 900 104 971 e mediante o envío de SMS coa palabra XOGUETE ao 38088 (3 euros), que se destinarán integramente á compra de xoguetes para nenos e nenas de familias en dificultade social.
A entrega de xoguetes
Unha vez verificado que os produtos cumpren coas especificacións, Cruz Vermella Xuventude clasifícaos segundo a idade á que van destinados e as habilidades que potencia (sociais, motrices, intelectuais, entre outros). Desta maneira, Cruz Vermella xera un “almacén” con todos os produtos e todas as localidades, que aparecen no mapa da web de Cruz Vermella Xuventude.
Segundo as necesidades a cubrir, as persoas voluntarias reciben ás familias con nenos e nenas en situación de vulnerabilidade, e fáiselles unha pequena entrevista para coñecer os gustos e necesidades individuais de cada menor co fin de entregarlles o xogo ou xoguete que mellor se adecúe, que se lle entrega á familia nas datas que esta o solicitan (festas de fin de ano, aniversarios, fin de curso etc.)/ etc.)