Síguenos


Arrinca a campaña de Almorzos e Merendas #ConCorazón

Recoller alimentos para familias en situación de vulnerabilidade é a finalidade da campaña Almorzos e Merendas Con Corazón cuxa 8ª edición arrinca hoxe.

 

A campaña desenvolverase do 26 ao 31 de outubro nos hipermercados e supermercados Alcampo. No caso de Galicia pódese colaborar directamente nos centros Alcampo das provincias da Coruña e Pontevedra. E tamén existe a opción de colaborar online xa que a través da web www.alcampo.es poderanse adquirir tarxetas solidarias por valor de 3€, 5€ e 10€ que Cruz Vermella destinará á adquisición de alimentos.

 

Necesítanse alimentos non perecedoiros e prioritariamente integrais e sen azucres engadidos, como aceite de oliva, marmelada, galletas, leite enteiro ou semidesnatada, froitos secos, cereais de almorzos, cacao en po, zume de froitas, queixo en porcións ou conservas de froitas ao natural.

 

O voluntariado de Cruz Vermella encargarase de recoller os produtos que entreguen os clientes nas tendas e posteriormente repartiranse entre as familias con nenos e nenas ás que atendemos.

 

Unha das novidades desta edición é que, #ante a complexa situación social e sanitaria, o período de campaña ampliouse pasando de dous días, como en edicións anteriores, a seis.

 

Iniciativa conxunta

 

Almorzos e Merendas #ConCorazón é unha iniciativa de Cruz Vermella, Alcampo, Ceetrus, Oney e a Asociación de Cociñeiros e Reposteiros (ACYRE).

 

O obxectivo é traballar en alianza, como sinala o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17 de Nacións Unidas, revitalizando a alianza mundial para o desenvolvemento sostible mediante a colaboración público – privada. Ademais, preténdese implicar á sociedade civil para mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas que viven en situacións de dificultade, contribuíndo tamén á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 2, que fai referencia a poñer fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e mellorar a nutrición.

 

Máis información en http://www.desayunosymeriendasconcorazon.com/