Síguenos


Argimira, avoa educadora: “Nas sesións aprendemos a xestionar as nosas inquietudes e a organizar o tempo cos nosos netos“

Una das participantes do proxecto de Avós e Avoas Educadores é  Argimira Rodríguez (segunda pola dereita na foto) e faio na escola de Rus, que depende da Asemblea de Cruz Vermella en Carballo. Ela é a protagonista desta entrevista, dándonos a oportunidade de coñecer en primeira persoa a súa experiencia xa que asiste semanalmente ás sesións e goza de actividades que lle permiten compaxinar os seus diferentes roles como avoa, nai, e muller.

 

O obxectivo deste proxecto é ofrecer ferramentas e canalizar o tempo que dispensan os maiores cos seus netos e netas, para que sexa máis proveitoso e de calidade. A través deste programa  educacional trabállase en prol do benestar, a renovación constante e a optimización da relación cos máis pequenos.

 

Cantos netos tes,  Argimira?

 

Dous netos, unha neta e un bisneto, catro en total.

 

Como é a túa relación con eles?

 

É moi boa. Xa teño un  bisneto ao que estou a axudar a criar e fágoo como podo porque estas idades son moi boas para gozalas pero non para ter tanta responsabilidade. Afortunadamente, na Escola de Avós e Avoas Educadores permitíronme levalo ás actividades e así podemos traballar xuntos e gozamos dese tempo.

 

É diferente a avoa  Argimira de hoxe en día á dos seus primeiros anos nese rol?

 

Si, vas aprendendo cousas, sobre todo aquelas que che van dicindo a través das sesións na Escola que, por certo, temos ao aire libre. Imos aprendendo a xestionar as nosas inquietudes, a facer manualidades, cociña, dinámicas grupais e como distribuír o tempo cos nosos netos. Asistimos a sesións dunha hora e media ou dúas horas onde nos divertimos e compartimos experiencias. Ademais, en Carballo, asisto pola miña conta a unha escola de pintura. Todo iso contribúe ao meu desenvolvemento persoal, a compartir coas amizades, como cando imos a por un café ou uns petiscos e a gozar cos netos, que xa sabemos o ben que se pasa.

 

Que sente ao ser avoa?

 

Non se sente como ser nai porque se lles quere máis aos fillos pero non lles falta agarimo aos meus netos. Os fillos van atopando cousas na vida que fixeron que se lles teña que axudar. Así o fago cos meus netos e a este  bisneto en particular quérolle como a un fillo. Xa vai cumprir oito anos. A vida con el foi de poñerlle os cueiros, deitalo, darlle a comida, levarlle ao cole, ao médico e como di o refrán “o rozamento fai o agarimo”. E iso non me fai descoidar aos meus outros netos, quéroos e aféctame todo o que lles sucede.

 

Gozas plenamente coa túa familia?

 

Si, por exemplo, cando hai unha churrascada aquí en Carballo e estamos un intre xuntos pásomo estupendamente. Fun coidadosa nestes tempos de pandemia e facémolo o mellor posible para coidarnos.

 

Que dirías aos avós dos nosos días?

 

Son unha bisavoa de 73 anos pero diríalles que miren polos netos, que se os fillos non poden debemos axudarlles na medida das nosas posibilidades. Xa sabemos o que é ser pais e o papel de avós xa o estamos facendo. É algo parecido a ser pais e non temos por que sentirnos mal cando collemos aos nenos e así permitimos que os nosos fillos poidan traballar e non teñan problemas cos seus peques mentres conviven. Iso si, é importante que nós como avós tamén sintamos ben. Eu diríalles que se os seus fillos non poden brindar toda a atención aos seus nenos e nenas, nós como avós debemos axudarlles.

 

Argimira espera con ansias as reunións na Escola. Alí atópase cos seus amigos e amigas, aprende do voluntariado e o equipo técnico. Cose, cociña, optimiza a súa relación cos seus netos e traballa na súa árbore de vida. Sente que desenvolve habilidades para enfrontar esta nova realidade. sente útil e necesaria. É consciente de que necesita tamén tempo para si mesma e por iso non deixa de asistir ás sesións en Rus, pois son días nos cales mellora na súa tarefa de ser avoa e nai, os 365 días do ano.

 

Ser avoa ou avó é unha forma de vida que vai agregándose paulatinamente ás nosas celebracións sociais, ademais os maiores deben enfrontarse a novas situacións familiares, adaptando nalgunhas ocasións o rol de educadores. A moitos nenos e nenas gústalles estar cos seus avós e avoas porque ao seu lado non existen tantas ordes ou obrigacións, pero máis aló do papel afectivo e funcional que cumpren, estes son importantes para o crecemento, a educación e a saúde emocional dos pequenos, ademais de ser unha fonte de transmisión da historia e a cultura familiar.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email