Síguenos


Alexandra, participante do programa de Empoderamento a mulleres: “Non permitas que a dor che deforme, senón que che transforme”

Alexandra Ramírez é unha nai coraxe, cunha difícil historia detrás e da que despois de moitos anos conseguiu escapar. Participou no programa de “Empoderamento a mulleres en risco de exclusión social” de Cruz Vermella en Pontevedra e con motivo da celebración do Día Internacional das Mujeres decidiu contarnos a súa historia.

 

O 8 de marzo é unha data para a reflexión, por todo o que as mulleres lograron ao longo dos anos, pero tamén de análise e reivindicación por todo o que aínda queda por avanzar na sociedade para lograr unha igualdade real. Desde Cruz Vermella levamos a cabo varios programas destinados ao empoderamento e á independencia das mulleres en risco de vulnerabilidade, como itinerarios específicos de emprego, entre outros; á vez que se sensibiliza á poboación sobre estes problemas.

 

Alexandra logrou romper, non sen esforzo e axuda, os lazos que a ataban a unha relación na que estaba totalmente submisa e controlada. A súa historia comeza no seu país de orixe, en Colombia, onde durante 17 anos sufriu violencia de xénero. “Debido á cultura de alí non te podes separar. Ata está mal visto que che vexan soa pola rúa! A muller é submisa e non podes nin falar. E unha polos fillos fai o que sexa”, explica Alexandra. “Pero un día non aguantei máis e decidín denuncialo. O malo é que a manipulación por parte do maltratador é tan grande que che fai sentir culpable do que fixeches, prométeche que todo vai ir ben, e ao final acabei retirando a denuncia polos nenos.

 

Como Alexandra, son centos as mulleres que viven cada día mergulladas nunha relación submisa, coa esperanza, e mesmo ilusión, de que as cousas cambiarán. “Golpéanche e séntesche ti culpable porque pensas que fixeches as cousas mal. Entón pensas que está ben que che insulten, que che griten…”, sentenza Alexandra.

 

Despois de retirar a denuncia, a situación de Alexandra non mellorou e finalmente, o pai dos seus fillos acabou abandonado á familia. “Nese momento sentín moi vulnerable. Non tiña nin para comer”. Foi nese momento cando se plantexou vir a España. “Entón coñecín a un home, e nunha situación tan vulnerable tes a perspectiva de que che van a querer e que che van a coidar. Agora doume conta de que neses momentos non te queres nin a ti mesma. Só esmoleiras amor”, reflexiona.

 

“Ao mes de estar a vivir con esta persoa comezaron os berros, os insultos, os malos tratos… pero a ti soa, nun sitio onde non coñeces a ninguén que feixes? Non che queda outra que aguantar. Estaba á beira desa persoa por un teito, por un prato de comida. Non sabía a quen pedir axuda, porque con quen máis trato tiña era co seu círculo próximo. Eu axudábao co seu traballo, facía todo o que me mandaba, pero para el iso non era suficiente. Ata nos botaba en cara que comiamos moito. Estaba frustrada, pásanche tantas cousas pola cabeza…”.

 

Unha veciña foi o comezo da súa salvación. “Ela notou que eu non estaba ben. Que me tiña dominada. Ofreceuse a darme un emprego, a contratarme unhas horas para que a axudase nas tarefas do fogar. E tamén me animou a que me fixese distribuidora dunha serie de produtos, na que ela xa participaba. Aos poucos empecei a pasar máis tempo con esta moza e animeime a pedir axuda a Servizos Sociais do Concello. Asesoráronme moi ben e déronme apoio psicolóxico, pero eu aínda pensaba que debía aguantar, que aínda lle debía algo. Ata que un día cheguei chorando e animáronme a denunciar. Dábame medo por se non me crían, pero finalmente así o fixen. Despois dos últimos malos tratos, collín ao meu fillo pequeno (nese momento o seu fillo maior estaba en Colombia) e escapei. Conseguira un emprego como limpadora, así que ata que atopei un piso, a miña amiga acolleume a min e ao meu fillo na súa casa”.

 

A partir dese momento, tivo a oportunidade de empezar unha nova vida, e foi cando coñeceu os programas da Cruz Vermella. “Puiden solicitar a tarxeta básica da Xunta de Galicia e realizar os talleres dos programas de Muller e de Parentalidade positiva”, explica.

 

O programa “Empoderamento a mulleres en situación de dificultade social”, financiado pola Xunta de Galicia, está dirixido a mulleres que presentan algunha dificultade social, é dicir, con escasas redes sociais de apoio, soas con fillos a cargo, inmigrantes ou refuxiadas, vítimas de violencia de xénero ou noutras circunstancias que poidan deixalas nunha situación de vulnerabilidade. Por outra banda, este programa tamén beneficia á poboación en xeral mediante as actividades de sensibilización que se desenvolven na contorna comunitaria e que favorecen o respecto e a tolerancia, elementos crave para a loita contra a violencia de xénero e as distintas formas de desigualdade entre homes e mulleres. No caso de Alexandra axudouna emocionalmente, a superar toda esa dor e a facerse independente, ademais da facer novas amizades.

 

“Desde hai 7 meses a miña vida cambiou radicalmente. De ser unha persoa humillada, submisa, maltratada e con moitos medos para ser unha persoa independente. Deime conta de que si podo, que xa non estou soa. Agora teño os meus ingresos e xa non teño que dar conta a ninguén. Ademais, agora teño a tranquilidade de ver ao meu fillo ben. É un neno tímido e durante moito tempo sentiu moi baleiro e só”.

 

Alexandra quixo contar a súa historia co fin de axudar a outras mulleres, de lanzar unha mensaxe de optimismo e de esperanza. “Pedide axuda”. Termina o seu relato con esta reflexión: “Non permitas que a dor che  deforme, senón que che transforme”.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email