Por segundo ano consecutivo Cruz Vermella está a desenvolver en Lugo o proxecto “Ociotea no Barrio”, unha iniciativa enmarcada no programa de Zonas Desfavorecidas que a Organización Humanitaria realiza no barrio da Milagrosa.
Os obxectivos destas actividades son propoñer alternativas de lecer saudable durante o verán, fomentar espazos de encontro diversos (interculturais e interxeracionais), involucrar a diferentes axentes sociais da zona, mellorar o coñecemento das persoas participantes sobre o barrio e dar valor á diversidade de todas as culturas que residen na zona.
“Ociotea no Barrio” nacía no ano 2022 como un proxecto de dinamización comunitaria co desenvolvemento de diferentes actividades en rúa, que van desde accións ambientais ou de integración ás de vida saudable, infancia e mocidade. En concreto, desde o pasado mes de xuño, as persoas que acudiron ás sesións puideron realizar talleres de pintura creativa, danzas latinas ou baile tradicional galego, así como andainas saudables, contacontos ou xogos cooperativos, entre outros.
O proxecto finalizará a súa segunda edición a principios do mes de agosto. As persoas que residan no barrio da Milagrosa e estean interesadas en participar nalgunha das sesións que aínda quedan pendentes, poden inscribirse nesta ligazón ou no teléfono 687 932 173.
Apoio comunitario no barrio da Milagrosa
Desde Cruz Vermella sempre se traballa para estar preto das persoas, poñendo o foco nas necesidades sociais e individuais que puidesen xurdir. Neste sentido, a Organización Humanitaria detectou unha alta demanda na asemblea de Lugo de persoas procedentes do barrio da Milagrosa, o que fixo que desde hai dous anos instalouse un espazo de atención na zona, enmarcado no programa de Zonas Desfavorecidas.
Son varias as razóns que fan que este barrio requira unha intervención específica por parte de Cruz Vermella. Unha delas é a presenza de persoas con poucos recursos económicos ou con dificultades para establecerse en traballos regulares e estables. Ademais, a zona presenta nos últimos anos certos problemas de convivencia relacionados coa precariedade e vulnerabilidade das persoas que alí residen, afectando a menores, mozos e mozas, adultos e a persoas maiores.
Neste sentido, desde Cruz Vermella trabállase para levar a cabo proxectos de dinamización que axuden a mellorar a convivencia e integración de todas as persoas residentes no barrio. Ademais de intervir en cobertura de necesidades básicas e noutras áreas do benestar persoal, Cruz Vermella viu a oportunidade de traballar comunitariamente achegando unha visión positiva da diversidade presente na zona, así como de ser un axente de prevención de futuras problemáticas.