Síguenos


Campaña_empleo_Ourense

A Praza de Abastos de Ourense e Cruz Vermella, xuntas pola igualdade de oportunidades no emprego

A Praza de Abastos de Ourense sumouse, unha vez máis, ás campañas de sensibilización en materia de igualdade de oportunidades no ámbito laboral que poñemos en marcha desde Cruz Vermella. Nesta ocasión, foron os establecementos asociados os que entregaron á súa clientela bolsas de tea co lema da campaña, “Oportunidades que cambian vidas”, ata esgotar existencias. Unha colaboración que dá continuidade a outras iniciativas e campañas levadas a cabo polos placeiros e a Organización, especialmente centradas en materias de Muller e Emprego.

 

Con esta iniciativa Cruz Vermella convida á cidadanía a reflexionar sobre o labor que realizan as empresas que colaboran co Plan de Emprego: acompañando e facilitando a inserción laboral das persoas que participan nos diferentes proxectos, ou dito doutra maneira, xerando oportunidades laborais que cambian vidas. Oportunidades que en 2022 materializáronse en 362 contratos laborais na provincia de Ourense asinados a través de Cruz Vermella.

 

A finalidade do Plan de Emprego é mellorar a empregabilidade das persoas con máis dificultades, así como eliminar as barreiras sociais que se atopan no seu camiño cara ao emprego e promover a igualdade de oportunidades. Para iso, é imprescindible contar coa colaboración e complicidade do tecido empresarial, e precisamente esta campaña pon o foco nas empresas que apostan polo talento e a diversidade, dando esas oportunidades que cambian vidas.

 

Esta campaña do Plan de Emprego de Cruz Vermella enmárcase no Proxecto Reto Social Empresarial: Alianzas para a Inserción Laboral, que conta co apoio do Ministerio de Traballo e Economía Social, e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email