Síguenos


Escuela Otoño 2023

A intervención comunitaria centra a Escola de Outono de Cruz Vermella na Coruña

Preto dun centenar de persoas voluntarias de Cruz Vermella na provincia da Coruña participaron na XII edición da Escola de Outono, organizada anualmente co obxectivo de proporcionar ferramentas e estratexias esenciais para o labor diario do voluntariado na Organización humanitaria.

 

O presidente, o secretario e a coordinadora provinciais, Manuel Viqueira, Marcos Gómez e Carmen Reigía, foron os encargados de inaugurar a xornada nas instalacións da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, en Bastiagueiro (Oleiros). “Baixo ou lema ‘Somos comunidade’, queremos poñer sobre a mesa a importancia do papel da propia cidadanía á hora de facer máis sinxela a vida de quen nos rodea. Non tratamos de inventar a roda, as redes de apoio comunitario veñen de moi atrás. O que queremos é subliñar a necesidade de estar pendentes de quen temos ao noso carón. Pretendemos non deixar a ninguén atrás e, en definitiva, estar máis preto das persoas. Unha misión, a de estar sempre preto, que non sería posible sen todos e todas vós”, subliñou o presidente provincial durante a súa intervención.

 

A Escola de Outono, coñecida como a cita anual de formación para o voluntariado da provincia da Coruña, virou ao redor da intervención comunitaria e a importancia do impulso de comunidades activas para previr (e paliar) situacións de soidade non desexada non só en persoas maiores, senón en toda a sociedade. Neste sentido, as sesións plenarias contaron coa intervención da coordinadora de Persoas Maiores de Cruz Vermella na Coruña, María Pombal, que presentou o proxecto ‘A boa veciñanza’ e aproveitou para poñer en valor o papel das comunidades veciñais ante a soidade.

 

Os impulsores dun plan de traballo comunitario no barrio de Labañou, Manolo Pazos e Juan Carlos Martín, compartiron co voluntariado das diferentes áreas de actividade de Cruz Vermella algúns detalles acerca de como abordaron problemáticas presentes no seu barrio desde unha perspectiva de apoio comunitario. Unha sesión que contou, ademais, cun monólogo do actor Cándido Pazó relacionado coa temática principal da Escola de Outono e a súa experiencia como voluntario con persoas refuxiadas.

 

Formación para o labor humanitario

A Escola de Outono contou ademais con catro obradoiros nos que o voluntariado puido profundar en aspectos como as ferramentas lúdicas para a animación, os primeiros auxilios de carácter psicolóxico, as habilidades para responder ante a diversidade e as ferramentas para a relaxación, que en moitas ocasións necesitan as persoas destinatarias do labor de Cruz Vermella.

 

Cruz Vermella conta con 1.044 persoas voluntarias que desempeñan o seu labor de forma activa na provincia da Coruña.