Medio centenar de profesionais do tecido empresarial galego puxeron en común mecanismos para favorecer o benestar laboral das persoas nun encontro coa conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) no marco do Plan de Emprego de Cruz Vermella.
A presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro Rojo, foi a encargada de abrir a sesión xunto ao vicepresidente da APD en Galicia, Emilio Pérez Nieto, e de dar a benvida á conselleira ao coloquio celebrado en Santiago de Compostela baixo o título Benestar laboral para xerar oportunidades. “Desde Cruz Vermella levamos máis de vinte anos xerando alianzas con empresas que permitan impulsar cursos de formación, prácticas e opcións laborais para quen necesita acceder ao mercado laboral”, explicou Colmeiro, que agradeceu a empresas e Xunta de Galicia a súa colaboración. “Porque permitir que quen máis o necesita poida acceder a un posto de traballo é a forma de que gañemos todos”, subliñou.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou pola súa banda o compromiso da Xunta de Galicia co benestar laboral “como elemento que permite reter talento e un mellor desenvolvemento persoal e profesional de traballadoras e traballadores”. Neste sentido, a conselleira fixo referencia á “necesaria aposta polo benestar laboral” e as medidas que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade “para evitar a fuga de talento e limitar a mobilidade laboral”.
A coordinadora autonómica da área de Emprego de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Isasi, fixo referencia durante o coloquio á importancia da colaboración entre o tecido empresarial e a Organización para a inserción laboral das persoas. Así, indicou, “no último ano contamos con preto de 1000 empresas que contribuíron a que máis de 2000 persoas accedesen ao mercado laboral no marco do Plan de Emprego de Cruz Vermella”, o cal conta co financiamento do Fondo Social Europeo e do Goberno de España a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES). Todo iso, lembrou, a través de alianzas en materia de formación, prácticas profesionais, cesión de instalacións, asesoramento e ata mentorización de persoas en procesos de capacitación.