Síguenos


A cultura humanitaria ante o asilo e os conflitos armados centra a Escola de Outono da provincia da Coruña

Preto dun centenar de persoas voluntarias da Asemblea Provincial de Cruz Vermella na Coruña participaron na undécima edición da Escola de Outono, organizada anualmente co obxectivo de proporcionar ferramentas e estratexias vitais para o día a día nas tarefas de voluntariado. Celebrada nas instalacións do Seminario Menor de Santiago de Compostela, a xornada contou con diferentes talleres prácticos, conferencias e dinámicas grupais.

 

A primeira Escola de Outono celebrada tras o parón ocasionado pola pandemia virou en torno ao Dereito Internacional Humanitario, un tema imprescindible ante a realidade de conflitos armados como o que ten lugar en Ucraína e en liña coa resposta de Cruz Vermella á chegada de persoas que solicitan asilo no noso país.

 

Entre os talleres prácticos desenvolvidos ao longo do día, o voluntariado tivo a oportunidade de coñecer máis en detalle a loxística en emerxencias, o tratamento das emocións das persoas que demandan axuda na organización, a adaptación das actividades de lecer á diversidade funcional ou a intervención integral con persoas. Os participantes, procedentes de diferentes asembleas de Cruz Vermella na provincia, asistiron, ademais, a charlas acerca da propia cultura humanitaria da entidade.

 

Cruz Vermella conta con preto de 2000 persoas voluntarias na provincia coruñesa, entre as que se atopan preto de 1200 desempeñando a súa actividade de forma regular.

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email